Galicia Sucesos

O presidente do Porto expulsa “de moi malos modos” ao representante da CIG que ía participar no consello de administración

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), Enrique López Veiga, expulsou este venres o representante da CIG do edificio onde se ía celebrar o consello de administración do Porto, no que a central ten dereito a participar como sindicato maioritario do comité de empresa. 

A CIG desenvolveu unha mobilización esta mañá no exterior do edificio de sesións do Porto de Vigo para denunciar que non se lle permite participar no consello de administración da APV a pesar de que foi o sindicato máis votado nas últimas eleccións sindicais do ente estatal.

Mentres, a persoa elixida pola central para representala no consello accedeu ao interior das instalacións minutos antes do inicio do consello, “sendo obrigada a saír de moi malos modos polo propio presidente da APV”, sinalan dende a CIG.

O que está a acontecer é unha auténtica vergoña, porque non nos permiten participar no consello de administración a pesar de que temos dereito por seren o sindicato con maior representación na APV, cando anteriormente si que estivo representada a UGT e na actualidade CCOO”, critica o secretario comarcal da CIG de Vigo.

A CIG, que acudirá á vía xudicial para facer valer os seus dereitos, censura a actitude de CCOO, “cuxo representante continúa sentado no consello de administración cando non ten lexitimidade, polo que nos preguntamos a quen representa”.

 

Te podría interesar