Comarcas

@depo_es lanza unha campaña para fomentar a adopcións de animais fronte á compra

Acompañada de “Bonni”, unha das últimas cadelas en ser adoptadas no CAAN despois de ser abandonada, a presidenta da Deputación de Pontevedra deu a coñecer este mércores a nova campaña de sensibilización do Centro de Acollida e Protección de Animais.
Esta nova campaña, baixo o lema “Esteriliza, adopta”, quere aproveitar a proximidade das festas do Nadal para facer fincapé “na importancia da adopción fronte á compra e tamén na importancia de esterilizar para evitar a cría irresponsable de animais que logo xera tantos problemas e tantos abandonos ou maltrato”, como subliñou Carmela Silva, que sostén que este problema “mide tamén que sociedade somos”.

“Bonni” é unha das cadelas cuxa imaxe figura nos máis de 13.000 dípticos da campaña que edita a Deputación e, xunto a ela, a outra gran protagonista, como contou Silva, é “Muñeca“, a setter fotografiada nos 9.000 carteis de “Esteriliza, adopta”. O CAAN fixérase cargo desta última cadela despois de que fora abandonada e tamén acaba de ser adoptada por unha familia de Ourense.

Un desexo que, especialmente, a presidenta fixo público para “Bertín”, o can que máis tempo leva-6 anos- nas instalacións do CAAN á espera de adopción: “Eu pido que o adopten. É un can moi bo, cariñoso, que sería unha delicia para calquera familia, creo que amais dos outros cans, o primeiro que ten que ser adoptado é “Bertín”.

A campaña

Falando da campaña, Carmela Silva subliñou que “nestas festas moitos animais son obxecto de agasallo entre os máis pequenos e pequenas da casa e queremos concienciar a quen estea pensando en facer este regalo para que adopte un can ou cadela en lugar de mercalo”. É unha actitude -engadiu- moito máis responsable, máis social e acorde co benestar animal. E por outro lado queremos sensibilizar sobre a esterilización, para evitar a cría de animais que logo en moitas ocasións acaban abandonados”.

Silva destacou así mesmo os datos positivos que arroxa ata o momento este 2019, tanto no que se refire ao descenso do número de recollidas, con 1.176 ata o 15 de novembro, por 1.788 en todo o 2018, como no incremento notable das adopcións. “Ata mediados de novembro acadamos 410, superando de largo as 360 de todo o pasado ano, e parece que imos romper o récord de 430 adopcións que obtivemos no 2016”.

1.900 adopcións

Desde o 2015, lévanse máis de 1.900 adopcións, “e esperamos que esta nova campaña poida ter tamén unha grande acollida e resposta”. Neste senso,  Silva destacou tamén o feito de que as cadeliñas “Mara” e “Anxela”, que foran arroxadas en Cuntis a un colector e se recuperaron no CAAN, foron xa adoptadas.

A presidenta lembrou que as adopcións no CAAN “son gratuítas e o persoal do centro sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades”. Trala firma do contrato, os animais saen do centro vacinados, desparasitados e esterilizados. Na páxina web do centro, que é unha das que recibe máis visitas da Deputación -leva máis de 108.000 desde a súa posta en marcha-, ademais de poder ver os animais que se atopan no centro, pódense facer todos os trámites relativos ás adopcións.

Silva explicou que os 9.031 carteis da nova campaña se distribuirán nos 61 concellos da provincia, así como en centros de educación Primaria e Secundaria, centros universitarios e os Colexios de Veterinarios de Pontevedra, Lugo, A Coruña e Ourense.

Nos 13.340 dípticos ilustrados con outros cans do CAAN que se repartirán nestes mesmos lugares, amais das sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo, a campaña tenta explicar polo miúdo as consecuencias dunha cría irresponsable, informa sobre os medios e as vantaxes do control da reprodución e tamén sobre os beneficios da adopción fronte á compra.

También te puede interesar