Galicia Vigo al minuto

Sanidade realiza un investimento de 900.000€ en novos equipos para os centros de saúde de Vigo

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) está a realizar un investimento de 900.000€ na dotación de novos equipos para os centros de saúde da área de Vigo, tal e como se recolle no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 aprobado o pasado mes de maio.

400.000€ para equipamento electromédico

Ata hoxe, adicáronse 400.209€ na compra de equipamento electromédico  para dotar aos centros vigueses de 3 ecógrafos, 50 desfibriladores e 57 electrocardiógrafos, renovando o material de diagnóstico obsoleto das consultas dos centros de saúde.

A pasada semana estaban xa instalados os tres novos equipos de ecografía -cun importe  de 38.115€-, nos centros de saúde de Taboada Leal, Teis e Sárdoma, unha renovación que posibilitará a mellora na realización de programas específicos de saúde como: ecografía abdominal, urolóxica, xinecolóxica e de aorta e grandes vasos, que permiten ao profesional de Atención primaria descartar patoloxías no paciente, evitando o desprazamento de pacientes á atención especializada.

Nos próximos días tamén se distribuirán os 50 desfibriladores -adxudicados por 201.394€-, e os 57 electrocardiógrafos, cun custe de 160.700€. Os novos electrocardiógrafos vanse integrar de xeito directo cos sistemas corporativos dos SERGAS, o que permitirá a realización de diagnósticos máis precisos e posibilitará o acceso ao electrocardiograma nativo ao especialista en cardioloxía.

Material de diagnóstico

Ademais de á compra de equipamento electromédico, está prevista a adquisición de “aparataxe de mobiliario clínico e xeral” para as consultas, Así, vaise adquirir tamén novo material de diagnóstico cuxa licitación ascende a 344.850€, integrado por  60 unidades de holter de presión arterial -consistente no sistema para o rexistro, almacenamento e análise da presión arterial de xeito ambulatorio-; 50 espirómetros -dispositivos que miden a capacidade pulmonar-; e 6 retinógrafos- equipo para capturar imaxes da retina sen dilatación pupilar, para a determinación de retinopatías do paciente diabético-.

Tamén está prevista a compra de 420 sillóns de traballo xiratorios con brazo; 2 sillóns de odontoloxía (un deles con equipo de Raios X); 12 dermatoscopios con cámara fotográfica; 109 pulxiómetros; 176 esfigmomanómetros electrónicos de adultos e obesos; 28 básculas con tallímetros; 4 electrobisturís; 47 otoscopios portátiles; 46 unidades de parede oftalmoscopia-otoscopio; 71 padiolas; 17autoclaves sobremesa con mesa, 2 carros de parada, entre outro instrumental.

También te puede interesar