Destacados Sucesos

Sorprendido in fraganti un individuo que colocaba lazos de aramio para cazar fauna silvestre

Axentes ambientais da Xunta de Galicia sorprenderon a un home no concello de A Estrada  cando estaba colocando un lazo de aramio para capturar fauna silvestre. “Trátase dun elemento de caza masiva, que non resulta selectivo e pode atrapar a calquera animal” e que está prohibido pola normativa sectorial vixente.

A localización produciuse en montes da parroquia de Codeseda. Os axentes foran alertados tempo atrás da aparición deste tipo de lazos na zona, polo que levaban varios días efectuando tarefas de vixilancia e seguimento. O home, contra o que se instrúe a pertinente denuncia tras ser identificado, foi sorprendido a plena luz do día polos axentes facultativos cando manipulaba a trampa.

Ademais do que estaba revisando, “nas proximidades foi localizado outro lazo no que había un xabaril morto, presumiblemente tras pasar varios días atrapado”. Os dous mecanismos foron decomisados polos axentes ambientais.

Infracción moi grave
A denuncia por estes feitos refírese ao incumprimento da Lei de Caza de Galicia, ao supoñer unha infracción moi grave sobre a que se pode aplicar unha sanción económica de entre 6.001 e 30.000€.

A infracción consiste en utilizar en terreos cinexéticos sen autorización instrumentos, medios e procedementos de caza prohibidos na propia norma, tales como os lazos deste caso ou redes, cepos, velenos, cebos envelenados ou tranquilizantes.

A norma legal prohibe con carácter xeral ter, utilizar ou comercializar procedementos masivos ou non selectivos para a captura ou a morte de exemplares de especies cinexéticas. Teñen esta consideración os métodos que poden causar a captura ou morte indiscriminada de exemplares de diversas especies.

También te puede interesar