RGPD - Cookies
Comarcas

@depo_es aproba un orzamento de 2,2 millóns para garantir os servizos sociais comunitarios de 52 concellos da provincia

O goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar un total de 2.216.662,85€ aos 52 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes ao abeiro do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, o que supón un incremento de preto de 30.000€ con respecto ao 2018.


A presidenta da Deputación explicou que este ano a institución provincial aumenta a financiación deste Plan en dous aspectos: con «máis recursos para garantir o servizo de axuda no fogar de acordo ao Decreto que os regula», nos concellos de Baiona, Cambados, Gondomar, Moaña, Poio, O Porriño, Salceda, Soutomaior, Tui e Vilaboa. e, en segundo lugar, «reforza o financiamento sos 15 concellos que presentan os índices de envellecemento máis elevado». Neste caso os concellos son Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, A Lama, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Vila de Cruces.

1 millón para persoal de Servizos Sociais

Carmela Silva salientou que «preto dun millón de euros serán para o módulo de persoal para os Servizos Sociais Comunitarios básicos dos concellos». No caso do Servizo de Axuda no Fogar «adxudicamos 1.226.673,52 euros para atender a persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con diversidade funcional, especialmente cando carezan de apoio persoal, e tamén dá unha resposta preventiva, educativa e socializadora á familias en risco de exclusión social».

O perfil das persoas usuarias deste servizo é, principalmente, unha muller, maior de 70 anos, coas limitacións propias da idade e que precisa apoio para realizar algunha das tarefas e actividades da vida diaria.

Máis polo miúdo, o Plan de financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais busca integrar o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo e psicosocial dirixidos ás familias, co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade. Especialmente as eventuais situacións de maltrato infantil ou calquera outra desprotección, así como promover procesos de cambio que favorezan un adecuado exercicio das responsabilidades familiares, a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia.

Adxudicación por  comarcas e concellos

En concreto, co Plan deste ano 2019 a comarca da Paradanta recibirá un total de 132.416,81 euros, que se repartirán entre as vilas de Arbo (17.799,8 €), A Cañiza (48.339,71 €), Covelo (36.387,71 €) e Crecente(29.889,59 €).

O Condado recibirá 162.018,12 euros, que se repartirán entre Mondariz (56.079,21 €), Mondariz Balneario (22.697,2 €), As Neves (30.718,71 €), e Salvaterra do Miño (52.523€).

O Baixo Miño, 181.218,28 euros, que se repartirán entre A Guarda (59.866,12 €), Oia (12.020,24 €), O Rosal (27.847,29 €), Tomiño (59.042 €) e Tui(22.442,63 €).

O Val Miñor, 169.338 euros, que se repartirán entre Baiona (51.310 €), Gondomar (55.514 €) e Nigrán (62.514 €).

A comarca do Deza recibirá 226.064,02 euros, que se repartirán entre Agolada (50.633,27 €), Dozón (34.360,69 €), Rodeiro (26.884,53 €), Silleda (60.847,71 €) e Vila de Cruces (53.337,82 €).

Tabeirós-Terra de Montes, 98.621,63 euros, que se repartirán entre Cerdedo-Cotobade (59.534,78 €) e Forcarei (39.086,85 €).

A comarca de Vigo recibe 268.650,68 euros, que se repartirán entre Fornelos de Montes (26.395,61 €), Mos (65.851,24 €), O Porriño (69.571 €), Pazos de Borbén (24.094,05 €), Salceda de Caselas (60.027,14 €) e Soutomaior (22.711,64 €).

O Morrazo recibe 132.737 euros, que se repartirán entre Bueu (51.786 €) e Moaña (80.951 €).

O Salnés recibe 458.776,01 euros, que se repartirán entre Cambados (47.163,5 €), Catoira (21.337 €), O Grove (50.189,79 €), A Illa de Arousa (21.014,5 €), Meaño (55.042 €), Meis (31.224,86 €), Pontecesures (21.666,5 €), Ribadumia (29.296,63 €), Sanxenxo (62.202 €), Valga (36.699,75 €), e Vilanova de Arousa (82.939,48 €).

E, por último, a comarca de Pontevedra recibe 386.822,3 euros, que se repartirán entre Barro (31.591,27 €), Caldas (50.907 €), Campo Lameiro (23.421,5 €), Cuntis (41.521,21 €), A Lama (33.838,85 €), Moraña (23.577 €), Poio (90.126,33 €), Ponte Caldelas (40.917 €), Portas (29.806,5 €), e Vilaboa (21.115,64 €).

También te puede interesar