Galicia Vigo al minuto

@ViaGalega pide intervir no Pleno do Concello de Vigo en defensa de políticas que acaben coa emigración

Representantes da plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 entidades sociais e culturais en defensa dos dereitos nacionais de Galicia, rexistraron este mércores unha solicitude de intervención no Pleno da próxima semana en Vigo e unha moción destinada a defender políticas que atallen a emigración coa creación de emprego digno.

Esta iniciativa está enmarcada na campaña “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno”, que se está a presentar en todos os concellos do país.

216.413 emigrantes na última década

Na última década, sinalan dende Vía Galega, emigraron de Galicia 216.413 persoas “con idades comprendidas entre os 16 e 54 anos, das que 79.529 eran mozos e mozas de 16 a 29 anos, por falta de oportunidades laborais no noso país, co que iso significa de perda de poboación”.

A “condición periférica e subordinada da economía galega, a destrución de parte importante da base produtiva, a precariedade no emprego e a ausencia de políticas ambiciosas de igualdade e fomento da conciliación” están na base do devalo demográfico do país e do aumento da emigración.

Entre as medidas que recolle a moción está que o Concello de Vigo se dirixa ao Parlamento de Galicia para que tome en consideración a emigración como un drama social, conciba este problema como unha emerxencia nacional e outorgue prioridade ás políticas que ataquen as súas causas, ademais de instar a Xunta a impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno e creen as condicións para favorecer o retorno das persoas emigradas.

También te puede interesar