Galicia Vigo al minuto

@bngvigo propón que o bus urbano sexa gratis para os menores de 14 anos

Bloque Nacionalista Galego deu conta este mércores das emendas formuladas ao Proxecto de Regulamento de Transporte de Viaxeiros por Autobús de Vigo.

O concelleiro do BNG, Xabier P. grexas cuestionou a “consulta pública” realizada polo Goberno local no mes de xullo toda vez apenas se recolleu ningunha das achegas que realizaron cidadás e cidadás e colectivos sociais. “Dixemos daquela e hoxe fica demostrado que era unha consulta farsa, que se quería dar aparencia de participación para logo non ter en conta nada do que se propuxese”, criticou.

Non permite a xestión pública do bus urbano

A primeira cuestión que abordan nas súas alternativas é a de que o Regulamento non feche a posibilidade de que o servizo do autobús urbano poida ser xestionado de maneira directa e cento por cento pública. “A actual redacción quere facer irreversíbel que o servizo teña que ser fonte de lucro para empresas privadas e a posición do BNG é a de que temos que abordar a serio o debate sobre a remunicipalización deste e doutros servizos privatizados, contrapuxo Igrexas.

Bus gratis para menores de 14 anos

Nas emendas nacionalistas propoñen a gratuídade do autobús urbano para todas as persoas menores de 14 anos, fronte aos actuais 4 anos, “tal e como xa se está a facer noutras cidades galegas”. Tamén queren que o regulamento recolla a obrigatoriedade de que existan tarifas bonificadas. Outra da cuestións suxeridas é estender o dereito a un transbordo gratuíto, facendo uso da tarxeta PassVigo, até os 60 minutos en troca dos actuais 45.

Duplicar o número de prazas para persoas con mobilidade reducida

Co obxectivo de apostar nunha mellor integración e para gañar en seguridade e confortabilidade, o Bloque defende que se dupliquen o número mínimo de prazas reservadas para persoas de mobilidade reducida, persoas idosas e embarazadas, de 4 a 8, e que se garanta un mínimo de 2 prazas para cadeiras de rodas ou infantís en todos os autobuses.

Para o BNG é preciso máis participación na definición do novo mapa de liñas. Neste sentido, propoñen que sexa preceptiva a consulta e informe do Consello Sectorial de Transporte do Concello, como máximo órgano consultivo e no que están representados os sectores implicados, sindicatos e movemento veciñal.

Tamén enfatizou o portavoz nacionalista a importancia de que no Regulamento, que será o marco normativo sobre o que elaborar o novo prego de concesión do servizo, se recolla que as condicións do mesmo garantirán “a adecuada e suficiente conexión dos barrios e parroquias e tamén coas infraestruturas básicas (centros sanitarios, educativos, estacións de tren, estación de buses, aeroporto, porto, etc.)” facendo que prevaleza o servizo público “sobre parámetros de custo-efectividade ou de previsión de rendibilidade económica” das liñas. 

También te puede interesar