Galicia Sucesos

Axentes ambientais da Xunta localizan a tres cazadores furtivos en Lalín

Axentes ambientais da Xunta  investigan a tres persoas como supostas autoras de caza furtiva de lebres na parroquia de Zobra, no concello de Lalín. Dúas das persoas xa foron identificadas e as investigacións avanzan co propósito de confirmar a identidade da terceira.

Os feitos sucederon hai varios días, pola noite, en territorio da Rede Natura da Serra do Candán. Durante un seguimento efectuado polos axentes ambientais, ao localizar aos furtivos déronlles o alto. Non obstante, déronse á fuga nun vehículo. Deixaron ocultas unha arma e unha bolsa negra con dúas lebres que xa levaban capturadas. A recollida dos datos do todoterreo, así como a numeración da arma, foron cruciais para as identificacións.

Infraccións

Nos expedientes abertos por estes feitos, que se van tramitar durante as vindeiras semanas, recóllense cando menos tres infraccións moi graves e unha grave. As consideradas moi graves son cazar utilizando o vehículo como medio de transporte para disparar a arma en horario prohibido para a caza, cazar empregando faros e outras fontes luminosas sen autorización e impedir aos axentes facultativos medioambientais os labores de inspección e investigación do paradoiro das pezas de caza.

A grave sería impedir que os axentes efectuasen as actuacións que prevé a Lei de Caza de Galicia, tales como solicitar a exhibición da documentación obrigatoria para o exercicio da caza; examinar, ocupar e reter, cando proceda, as pezas cobradas e os medios de caza empregados; ou practicar calquera dilixencia de investigación, exame ou proba que consideren necesaria para comprobar o cumprimento da legalidade.

Cómpre sinalar que as infraccións graves poden supoñer unha sanción de entre 601 e 6.000 euros, que no caso das moi graves acadaría entre os 6.001 e os 30.000€. As graves tamén poden conlevar a retirada da licenza de caza e a inhabilitación para obtela durante un periodo de entre un e cinco anos. No caso das moi graves, a inhabilitación sería de entre cinco e dez anos.

También te puede interesar