Galicia

Sanidade destina o 32% do seu orzamento para 2020, 1.300 millóns de euros, á atención primaria

O Goberno de Galicia destinará á Sanidade 4.109,6 millóns en 2020, segundo adiantou este martes no Parlamento o Conselleiro de Sanidade. Jesús Vázquez Almuiña, logo de lembrar que será a partida orzamentaria máis alta na historia da Consellería- máis do 40% do orzamento total da Xunta– salientou que desa cantidade, 1.300 millóns, un 32%, serán para Atención Primaria.

407 novas prazas o ano que ven

Durante a súa comparecencia na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos o conselleiro detallou que, no referido aos gastos de persoal, o orzamento do Servizo Galego de Saúde (Sergas) ascende a 1.755 millóns de euros, o que supón o 43,39% do total, e que son 59 millóns máis que o ano anterior. Isto implica un 3,50% de crecemento, maior que o crecemento global do 3,1%.

Este aumento responde ao incremento de prazas comprometido no Plan Galego de Atención Primaria e no Plan de Hospitalización a Domicilio para este exercicio, e á dotación orzamentaria para o abono do 100% dos graos recoñecidos coa implantación da carreira profesional.

O orzamento 2020 incorpora un total de 407 novas prazas, explicou Almuiña. Delas, 171 derivan dos plans que a Consellería de Sanidade aprobou neste ano.

Por unha banda, o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021 que contempla a dotación de 331 novas prazas en tres anos, correspondendo 147 delas ao orzamento de 2020 . Ademais recolle a dotación do Plan de Hospitalización a Domicilio 2019-2021 que supón 24 prazas de médicos e enfermería.

As 236 prazas restantes encádranse na apertura de novas unidades, incremento de actividade, asunción de servizos prestados por outras entidades, a integración dos servizos da resonancia nuclear magnética de Galaria na Xerencia de Vigo, e a consolidación e estabilización do emprego que ata agora tiña carácter non estrutural. Tamén no aumento da oferta de persoal residente en formación para 2020, destacando o incremento de 24 prazas na especialidade de medicina familiar e comunitaria e 7 en pediatría.

También te puede interesar