Destacados Vigo al minuto

Vigo perdeu 400 empregos na industria o último trimestre aos que haberá que sumar os do Naval

O secretario comarcal da CIG de Vigo compareceu este luns en rolda de prensa para analizar os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre do ano que, salientou, “confirman a grave crise que atravesa sobre todo o sector industrial”, que perdeu 400 postos de traballo neste período, aos que haberá que sumar os que desaparecen no naval.

Fronte a isto, o sindicato chama a participar na manifestación comarcal deste mércores 30 dende Vía Norte ás 20:00 horas para reclamar un xiro radical nas políticas económicas e laborais do Goberno central e da Xunta.

1.600 empregos menos en 3 meses

Alberto Gonçalves sinalou que nos meses de agosto, setemobro e outubro só na cidade de Vigo destruíronse 1.600 empregos en relación ao trimestre anterior, dado que a poboación ocupada retrocedeu de 127.400 persoas a 125.800. Ademais, denunciou, a destrución de emprego foi máis acusada entre as mulleres.

7.100 empregos memos en Vigo

As cifras de ocupación constatan que na actualidade hai 7.100 empregos menos na cidade dos existentes no terceiro trimestre de 2009 (125.800 fronte a 132.900). Destes, 4.600 pertencían ao ámbito industrial. Na construción rexistrouse un incremento do emprego -900 persoas máis ocupadas- no último trimestre, pero continúa significativamente por baixo do nivel de 2009.

No sector servizos é onde se produce a maior destrución de emprego en relación ao segundo trimestre –unha baixada de 2.500 persoas ocupadas-, “un dato especialmente grave tendo en conta que nestes tres meses compútanse o groso do período estival, onde a actividade terciaria é predominante”.

También te puede interesar