Galicia Vigo al minuto

@bngvigo esixe ao Goberno local que dote de profesorado á Escola de Artes e Oficios

O BNG de Vigo vén de demandarlle ao Goberno municipal que “atenda as reivindicacións do alunado da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) que leva semanas a mobilizarse por causa de non poderen ter iniciado as clases pola falla de profesorado”.

O concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas,  expuxo esta reivindicación na Comisión Informativa de Educación do Concello. “É inaceptábel que a falla de previsión e de xestión do Goberno, que demorou a convocatoria de prazas de profesorado, supoña que un número importante de alunas e alunos non teñan podido iniciar as clases”, criticou Igrexas que subliñou que as reivindicacións do alunado afectado son “absolutamente razoábeis”.

“Deliberado abandono” do Goberno local

Igrexas enmarcou esta situación, na que inda non é segura a data de inicio das clases en varios cursos e que en ningún caso será antes de iniciado o próximo ano 2020, dentro da política de “deliberado abandono” que o Goberno municipal leva anos a practicar en contra da EMAO.

Neste sentido, lembrou a desaparición dos cursos de luthería antiga e de serigrafía, como exemplos dun “desmantelamento que avanza paseniño pero imparábel”.

También te puede interesar