Destacados Vigo al minuto

#HUSHFestival Os irredentos vigueses ‘Adictos a Deep Purple’ celebran os seus 25 anos na @LaIguanaClub

Carlos Fernández/ Hai 25 anos, en Vigo catro mozos e mozas amantes da música rock  (Carlos Fernández, Ana Prieto, Susi Lubiáns, Richard Sacco e Ramón Paz) puxeron en marcha unha curiosa iniciativa nada habitual na música galega e tampouco na estatal: fundar o 1º club de seguidores dun dos máis famosos grupos de rock da historia: Deep Purple.

Seguidores irredentos do rock ´70 quixeron reivindicar aos grupos pioneiros do rock duro tendo como bandeira aos ingleses Deep Purple, o grupo favorito no que todos coincidían formado por virtuosos instrumentistas como Jon Lord, Ritchie Blackmore, Ian Paice, Ian Gillan, Roger Glover, David Coverdale, Glenn Hughes, Tommy Bolin… con máis de 300 millóns de discos vendidos, gran influencia para milleiros de músicos en todo o mundo grazas a icónicos álbumes coma In Rock (1970), Fireball (1971), Machine Head (1972), Made in Japan (1972), Burn (1974), Perfect Strangers (1984) por citar os máis famosos e que máis alto chegaron nas listas de éxitos. Deep Purple xunto a Led Zeppelin, Black Sabbath e Uriah Heep foron os creadores dun novo estilo musical que a prensa chamou “heavy rock”.

Como eso de “club de fans” lles sonaba a outros estilos perecederos da música pop, decidiron adoptar o nome máis rotundo de Club de Adictos a Deep Purple.

Concerto en Xixón, en 1994

Fundado en abril de 1994 na cidade de Vigo o debú tivo lugar colaborando coa organización do concerto de Deep Purple (có guitarrista Joe Satriani substituíndo ao fundador Ritchie Blackmore) en Xixón que congregou o 2 de xullo de 1994 a 8.500 persoas na praza de toros da capital asturiana.

Nun palco cedido polos promotores penduraron unha gran pancarta xunto a unha bandeira galega para remarcar a procedencia dun colectivo único no Estado español ata ese momento e que ía unir a centos de persoas ao longo dos anos. Ao mesmo tempo montaron unha xira có grupo asturiano ‘Kashmir’ baixo o nome de ‘The Traces of Deep Purple’, con gran éxito de público en Vigo, Moaña, Lugo e Sarria.

Dende aquí o crecemento do club foi medrando recibindo peticións de numerosos seguidores de todo o Estado e mesmo do extranxeiro, facendo festas, concertos con bandas tributo coma Purple Addiction, Convencións e xantares de socios en Vigo, Madrid, Barcelona .

‘Hush’, a primeira canción de Deep Purple

Fundaron un fanzine, ao que lle chamaron “Hush” como homenaxe á 1ª canción grabada por DP en 1968 e o C.A.D.P. axiña foi recoñecido como club oficial polos músicos de Deep Purple e os seus managers, asi como pola Deep Purple Appreciation Society con sede en Inglaterra e polo co-fundador Ritchie Blackmore.

A cantidade de historias acontecidas ao redor do club ao longo de 25 anos daría para escribir un libro, o certo é que conseguiron consolidarse grazas a un traballo serio e organizado, con delegados nas principais cidades, mesmo no extranxeiro (Japón, Inglaterra, Francia, Irlanda, Cuba, Arxentina, EE.UU, Holanda…) que dinamizan as actividades do club.

Antes da irrupción de interné convertironse na fonte mais fiable para estar ao tanto do que acontecía no entorno de Deep Purple e a denominada Saga Purple (que abrangue aos grupos saidos da banda nai e ramificacións coma Rainbow, Whitesnake, Ian Gillan Band, Glenn Hughes, Dio, etc.,).

Sobrevivindo a interné

Neses anos ´90 existían no mundo máis de trinta clubs de fans dedicados á Saga Purple pero coa chegada da interné foron desaparecendo todos… ainda que houbo un que sobreviviu á moda dixital e ese foi o noso club vigués.

Deep Purple en Vigo

Moi ao contrario, impulsou as súas actividades (grazas a eles Deep Purple actuaron en Vigo en duas ocasións en 1998 e 2000 en dous recordados concertos que congregaron a unhas 40.000 persoas entre ambas citas), convertiu o fanzine ‘Hush’ nunha revista profesional e soubo adaptarse aos novos tempos no novo milenio, con páxina web, facebook e twitter.

Dous importantes fitos na historia deste club foi a presenza en Vigo do batería Ian Paice (co-fundador de Purple) no ano 2010 para celebrar o 16º aniversario do CADP e no ano 2014 quen estivo de concerto foi o guitarrista inglés amigo de Blackmore, Stuart Smith coa sua banda ‘Heaven and Earth’ nun concerto en Salason (Cangas do Morrazo), ambos cun gran éxito de público, e mesmo Ian Paice visitou a redacción da revista e mantivo un encontro privado con socios do club.  

Todo esto e máis foi posible grazas a un colectivo de persoas que desinteresadamente colaboran escribindo na revista, acudindo a concertos e xiras polo extranxeiro, ampliando a base social e os contidos de ‘Hush’ (onde non só se fala de Purple senon de moitos outros grupos lexendarios internacionais, galegos e españoles). Potenciáronse os concertos e as convencións de socios organizados polo CADP en Vigo, Madrid, Barcelona, Cangas do Morrazo, etc., Foron convidados aos camerinos en cada xira de Deep Purple e músicos escindidos como Ritchie Blackmore, Glenn Hughes, Joe Lynn Turner, etc., mantendo excelentes relacións con todos eles, amosándose sempre agradecidos polo apoio do club vigués.

25 anos

Chegados ao presente ano 2019 o staff vigués do club decidiu dar un paso adiante e tendo en conta que moitos socios ademáis son músicos e teñen grupos de rock, decidiron celebrar un festival anual e dedicar o último número do ano da revista Hush Magazine ao seu 25 aniversario.

Antes, o pasado mes de maio celebraron unha festa-concerto en A Coruña có mítico grupo de rock sevillano The Storm que están a celebrar o seu 50ª aniversario. O novo número da revista “Hush” estará lista a primeiros de novembro (nº 50) pero antes, o vindeiro sábado 26 de outubro terá lugar o 1º Hush Festival en La Iguana Club (Vigo) coa actuación dos grupos Retroblues (blues-rock, Redondela) e Hofmann´s Legacy (hard-rock, Marín) amenizando a velada o DJ Hush con clásicos do rock 70. Unha cita para amantes do rock.

También te puede interesar