Ciencia y Tecnología Comarcas

A ‘Escola de Igualdade María Vinayls’ reúne este mércores a 200 personas para falar da “Mercantilización do corpo das mulleres”

Este mércores, día 9, arranca no Castelo de Soutomaior  unha nova xornada da Escola de Igualdade María Vinayls na que se afondará sobre a “Mercantilización do corpo das mulleres”.

Durante todo o día, mulleres da talla de Rosa Cobo, Ángeles Álvarez, Silvia Pérez ou Teresa Lozano e Zua Méndez -máis coñecidas como Towanda Rebels-, que xunto á presidenta da Deputación e a xornalistas da provincia, reflexionarán con preto de 200 persoas sobre pornografía, prostitución, ventres de alugueiro, trata e violencia sexual.

Pornografía, prostitución: violencia contra as mulleres”

A xornada dará comezo coa apertura a cargo da presidenta provincial, Carmela Silva. Quince minutos despois terá lugar a conferencia “Pornografía, prostitución: violencia contra as mulleres” a cargo de Rosa Cobo, que será presentada por Natalia Puga, de PontevedraViva e El Mundo. Cobo, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía e profesora da Universidade da Coruña, analizará as relacións entre o modelo de sexualidade imposto ás mulleres, o capitalismo global, a pornografía, a prostitución, e a alianza entre capitalismo global e prostitución, indicando como as políticas neoliberais produciron un incremento da industria do sexo.

“Mercantilización reprodutiva do corpo das mulleres”

Ás 12.30 horas Ángeles Álvarez, presentada pola xornalista Salomé Soutelo do Faro de Vigo, afondará na “Mercantilización reprodutiva do corpo das mulleres”. Álvarez, portavoz da Red Estatal Contra el Alquiler de Vientres (RECAV), centrará a súa intervención nos ventres de alugueiro e fará un percorrido polo significado que a maternidade ten nas sociedades androcéntricas. A continuación, Silvia Pérez, presentada pola xornalista Sandra Penelas do Faro de Vigo, falará sobre a realidade da acción contra a trata. Pérez, doutora en Socioloxía e profesora da Universidade de Vigo, afondará sobre a trata sexual e a resposta institucional dende a diversidade dos axentes implicados na súa persecución, atención e sensibilización.

“Porno e violencia sexual”

Xa pola tarde (16.00 horas), Teresa Lozano e Zua Méndez, Towanda Rebels, falarán do “Porno e violencia sexual”, tras ser presentadas pola xornalista do Diario de Pontevedra Sara Vila. Towanda Rebels, plataforma de comunicación e expresión feminista, centraranse na normalización da cultura da violación, da man dunha potente industria pornográfica que diariamente atrae a milleiros de nenas e nenos e de adolescentes en todo o mundo, un dos grandes paradigmas do patriarcado.

Ás 18.00 horas terá lugar a clausura, na que a xornalista Maruxa Alfonso, procederá á lectura das principais conclusións da xornada da Escola de Igualdade María Vinayls da Deputación de Pontevedra.

También te puede interesar