Comarcas

183 xoves traballarán en empresas da provincia por medio do programa ‘O Teu Primeiro Emprego’ da @depo_es

183 mozos e mozas traballarán en empresas e corporacións sectoriais da provincia de Pontevedra grazas ao programa de fomento da empregabilidade “O Teu Primeiro Emprego”.

Este programa da Deputación ten coma obxectivo facilitar que a mocidade con título universitario ou de FP poida acceder a un primeiro emprego cun contrato en prácticas.

183 empresas de 27 concellos da provincia

Carmela Silva anunciou hoxe a aprobación, en Xunta de Goberno, das 183 empresas colaboradoras seleccionadas para participar no programa, así como das bases que rexerán agora as contratacións doutras tantas persoas beneficiarias.

As empresas participantes desenvolven a súa actividade en 27 concellos: Agolada, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, A Estrada, Forcarei, Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Mos, Nigrán, Poio, Pontevedra, O Porriño, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

92 universitarios e 91 titulados en FP

Dos 183 contratos previstos, cunha subvención da Deputación de Pontevedra de 1.070.700€, 92 serán para persoas con titulación universitaria e 91 para persoas tituladas en ciclos superiores de Formación Profesional.

No primeiro caso, os perfís que máis se demandaron por parte das empresas foron os de persoas tituladas en Enxeñería Industrial (20 solicitudes), grao ou licenciatura en Administración e Dirección de Empresas (15 solicitudes) e grao en Arquitectura (7), así como grao ou licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas, grao en Ciencias Empresariais, grao en Xestión en Medianas e Pequenas Empresas e grao en Comercio, con seis solicitudes de empresas todas elas.

No que atinxe á FP, búscanse por parte das empresas sobre todo persoas tituladas nos ciclos superiores de Administración e Finanzas (houbo 34 solicitudes), Desenvolvemento de Aplicacións Web (8) ou Administración de Sistemas Informáticos en Rede (4), só por citar algunhas.

Neste eido, a presidenta provincial destacou que “a maioría das solicitudes están ligadas as STEM e por outra banda a todo o que ten que ver coa administración e coa xestión de empresas” e amosou a súa preocupación porque “tan só o 25% das persoas matriculadas en carreiras STEM son mulleres, iso significa que o 75% dos novos empregos ligados a esas áreas van a ser homes”.Por iso estamos traballando moito para promover que as nenas dirixan tamén as súas preferencias, gustos, eleccións universitarias nesas carreiras que van a ser as que finalmente xeren empregos de máis calidade e máis salario”.

También te puede interesar