O accidente de tren de Porriño – do que este luns hai 3 anos – marcou un punto de inflexión na atención sanitaria de Vigo. Así, este accidente foi o punto de referencia para desenvolver un Plan de Incidencia de Múltiples Vítimas (IMV), documento que recolle o procedemento de atención ás vítimas en caso de catástrofe externa co obxecto de desenvolver unha coordinación áxil, e una atención eficaz e resolutiva.
Trátase do primeiro Plan destas características dos hospitais de Galicia, elaborado coa participación de todas as categorías profesionais e coordinado pola Unidade de Calidade e a Dirección de Procesos Asistenciais da Área Sanitaria de Vigo.
Seguridade para pacientes e profesionais
Unha IMV caracterízase por presentar unhas necesidades organizativas diferentes ás habituais, debido á imprecisión no seu momento inicial do alcance da mesma; posteriormente se confirmará as necesidades dun requirimento asistencial de alto nivel.
A coordinadora do Plan, a doutora Dolores Zapata, explica que –“trala reordenación da area sanitaria foi necesario o deseño dun plan integral que se adaptase ás novas estruturas que, ademais, coincidiu co accidente do tren de Porriño. Aínda que a actuación sanitaria nese accidente foi impecable e exemplar, veu a refrendar a necesidade de dispoñer dese procedemento, non só para garantir unha xestión eficaz e de calidade ás vítimas e aos seus familiares no caso dunha IMV, senón para aportar seguridade aos profesionais no desenvolvemento das súas tareas, de xeito que quede pouco marxe para a improvisación “-asegura a doutora Zapata.
Niveis de actuación
O plan establece catro niveis de actuación segundo o número de vítimas. O Nivel 0, abarca ata 10 vítimas; o Nivel I, de 11 a 25; Nivel II, de 26 a 50; e o Nivel III, cando hai máis de 50 vítimas.
O xefe de servizo de Urxencias, Angel Pichel explica -“ademais da referencia cuantitativa, nunha IMV tamén é necesario ter en conta as características da incidencia, porque pode ser unha incidencia con poucas vítimas aínda que moi graves, subsidiarias de tratamentos cirúrxicos e coidados críticos, ou, pola contra, unha catástrofe con moitas vítimas pero que non revistan excesiva gravidade, como aconteceu no Marisquiño”-.
Así, establécese un posto de mando para valorar a dimensión da Incidencia, organizar a distribución do persoal e identificar outras necesidades. O posto de mando é o responsable de adoptar decisións como a de priorizar a atención, optimizar os recursos e valorar a necesidade da cancelación da actividade ordinaria, ou a mobilización de máis recursos humanos, en caso de necesidade.
“Aínda que nesta área sanitaria dispoñemos duns recursos e una estrutura moi dimensionada, con máis de 6.000 profesionais, máis dun millar de camas hospitalarias, 116 postos de coidados críticos e 36 quirófanos, o importante nunha IMV é unha correcta coordinación e xestión dos mesmos; e para iso é fundamental que todos e cada un dos profesionais coñeza o seu protocolo de actuación”-afirma a doutora Zapata.