Comarcas

Das 487 persoas que participaron en #DepoIntegraXoven, 136 están xa traballando

O proxecto da Deputación de Pontevedra “DepoIntegra Xoven”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo nun 91,89% e encadrado no Programa Operativo de Emprego Xuvenil, chega ao seu fin e faino cunha participación de ata 487 persoas que puideron cursar ata 37 cursos para acadar certificados de profesionalidade.

O proxecto, que conta cun orzamento de máis de 2,5 millóns de euros, ten por obxectivos a inserción sostible no mercado de traballo da mocidade da provincia de Pontevedra, a través de itinerarios formativos e prácticas non laborais en empresas.

Aínda que o programa chegou a 487 persoas, realizaron a formación preto de 350, das que máis da metade foron mulleres, concretamente 174. Deste total de 346 persoas que remataron máis do 75% da formación xa están traballando 136 persoas. Amais, en canto a persoas que recibiron algún tipo de oferta de traballo o número é de 146.

Os cursos, que tiveron lugar nas comarcas do Baixo Miño, Deza, Pontevedra, O Salnés e Vigo, estiveron relacionados coa informática, programación, desenvolvemento de aplicacións web; comercio e marketing; dinamización, ocio te tempo libre; perruquería, almacén, carnicería/peixería; caixa de comercio, instalacións eléctricas; acompañamento de transporte escolar e primeiros auxilios; condución profesional de vehículos; hostalería e cociña.

Os principais obxectivos deste proxecto, que se estendeu entre o ano 2017 e este mesmo, son a integración sustentable no mercado de traballo de persoas desempregadas entre 16 e 30 anos; a realización de actividades formativas constituíntes de itinerarios integrados dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade en diferentes localizacións da provincia.

También te puede interesar