RGPD - Cookies
Comarcas

@depo_es inicia as obras na estrada de acceso á Praia de Nerga, en Cangas

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar as obras de mellora da seguranza viaria na contorna da Escola Infantil Hío, na estrada provincial de acceso á praia de Nerga (EP-1007) en Cangas, para o que é preciso cortar un carril de circulación.

Os traballos, que abranguen un treito de aproximadamente uns 120 metros, teñen un orzamento de licitación de preto de 60.000€ e un prazo de execución de 3 meses, polo que se non se producen complicacións poderán estar rematados a finais de setembro.

A actuación nesta estrada provincial débese a que non existe espazo para a circulación de peóns, que deben ir polo interior da calzada poñendo en risco a súa integridade física, o que se agrava debido a que o ámbito da obra é especialmente sensible ao existir un centro de educación infantil e a área recreativa da Cruz do Castro.

Outra das melloras incluídas no proxecto é a ampliación do radio da curva do punto quilométrico 0+120 creando unha semi-glorieta na marxe dereita para aumentar a visibilidade. Tamén se pretende calmar o tráfico na estrada coa construción dun paso de peóns sobreelevado no PQ 0+060 e dun redutor físico de velocidade de vehículos no PQ 0+0140.

Por último, melloraranse as instalacións de drenaxe de pluviais con tubaxes e sumidoiros para evitar asolagamentos na plataforma.

También te puede interesar