Destacados Vigo al minuto

A Mesa entregará unha ‘Guía para o uso do galego’ aos 3.700 concelleiros que toman posesión este sábado en Galicia

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou este xoves, en Compostela ,a ‘Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023)’ que entregará aos máis de 3.700 concelleiros e concelleiras que se incorporan este sábado aos 313 concellos do país.

Unha guía que, segundo asegurou o presidente da Mesa, Marcos Maceiras, na presentación, “propón orientacións útiles para cada concelleira ou concelleiro, nas tarefas de goberno ou oposición, sexa cal for a súa área e responsabilidade, que permitan colocar a lingua como necesidade que é en toda a súa acción”.

Uso e impulso do galego

O obxectivo da Guía, que tamén está dispoñíbel para descarga na web da Mesa , é que os concellos asuman o compromiso de impulsar políticas activas en favor do galego e dotar con recursos a planificación lingüística do concello, con actuacións transversais en todas as áreas municipais procurando o incremento do uso e prestixio da lingua propia de Galicia.

“A actividade municipal precisa da lingua en todo e a lingua galega precisa estar en todo e para todo para existir e se desenvolver con toda a normalidade que lle debe corresponder á lingua propia de calquera país”, explicou Maceira, “por iso, entendemos a política de normalización como transversal, que debe implicar todas as áreas e todas as funcións, porque en todas elas debe estar unha lingua que ten a aspiración maioritaria de ser restituída na normalidade”.

Garantir o uso da lingua

Algunha das actuacións recollidas pola Guía son que os concellos deben garantir a posibilidade de uso do galego en cada área e que debe haber unha práctica oral e escrita que a faga visíbel e audíbel, “tal e como acontece con calquera lingua realmente oficial e como podemos ver e ouvir nos seus territorios coas linguas oficiais de calquera das outras comunidades lingüísticas do Estado”,  afirmou Maceira, “nomeadamente co castelán”.

A Mesa propón, así mesmo, fixar un período de cumprimento e execución que poida ser avaliado, corrixido e mellorado, como calquera outra acción política. Trátase, recordou o presidente da Mesa, dunha “proposta de mínimos que se deben garantir e de actuación sobre os que existe un acordo amplo desde hai anos mais que por desgraza seguen sen seren concretados”.

También te puede interesar