Galicia

Educación concede 142 bolsas para que alumnado universitario mellore o seu nivel en idiomas

A Consellería de Educación vén de conceder 142 bolsas de estudo para que os universitarios galegos melloren as súas competencias en linguas estranxeiras a través de estadías de estudo nalgún país da Unión Europea durante este verán.

Cada un dos universitarios beneficiados – a listaxe pode consultarse no Diario Oficial de Galicia– recibirán unha contía de 1.000€ cos cales a Consellería contribúe a financiar a súa estancia no país escollido, onde deberán realizar un curso do idioma oficial correspondente en cada caso, de tres semanas de duración como mínimo.

O obxectivo desta liña de axudas -para a que a Consellería de Educación destina unha dotación orzamentaria de 142.000€ – é “facilitarlle ao alumnado universitario cumprir cos requisitos e necesidades creadas polo Espazo Europeo de Educación Superior, que esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a competencia e a capacidade de estudo e traballo no contexto internacional”.

Por países de destino, a meirande parte das bolsas son para estadías no Reino Unido (62), en Malta (35) e en Irlanda (27). Séguenlle as bolsas en Italia (6), Francia (5), Alemaña (5), Suecia (1) e en Portugal (1).

Contando cos do presente ano, desde o curso 2011/12, un total de 1.131 universitarios galegos se beneficiaron destas bolsas, cuxa finalidade é que os estudantes de calquera das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) poidan mellorar as súas competencias noutros idiomas, nun curso que deberá desenvolverse no período comprendido entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2019, ambos incluídos.

También te puede interesar