RGPD - Cookies
Comarcas

@AER_Redondela devolve máis de 7.000€ que sobraron da asignación que recibiu nestes catro anos do Concello

A Agrupación de Electores de Redondela (AER) vén de devoler ao Concello máis de 7.000€ que lle sobraron ao seu Grupo das asignacións recibidas das contas municipais.

“A nós si nos gustan as contas claras e queremos informarvos de que esta é a postura de AER e a súa decisión, xa que a devolución obrigatoria no caso de non ser xustificados os gastos dos grupos, proposta que recollerá o novo regulamento, non dará comezo ata o seguinte mandato”.

Isto non impide, sinalan dende AER que devolvamos os cartos sobrantes que nos deron  dende o Concello para o noso labor como grupo e que non necesitamos gastar, ao igual que no anterior mandato devolvemos 8.000€”.

Dotación para os grupos municipais

A forma en que o Concello abona estes cartos como Asignación aos Grupos Políticos Municipais é trimestral. Esta dotación económica ao Grupo é para o seu funcionamento e deberá contar cun compoñente fixo, que este mandato é de 675€, idéntico para tódolos grupos, e outro variable de 75€ -300€ anterior mandato- por cada concelleiro.

O precepto legal esixe a cada grupo levar unha contabilidade da asignación que unicamente terá que poñer a disposición do Pleno da corporación cando este lla pida.

Debido a que esa contabilidade lévaa o propio Grupo e só a mostra ao Pleno cando este lla pide, “algo que sabemos non pasa e que puidemos comprobar nestes anos”, a contabilidade municipal só rexistra as saídas de fondos aos grupos, xa  que non é necesaria a xustificación ao Concello do destino deses fondos que se asigna a cada grupo.

Xa devolveron cartos no anterior mandato

Tendo en conta que eses cartos, que o Concello asigna aos representantes electos pola veciñanza e os grupos dos que estes forman parte, son para poder cubrir os gastos derivados do seu funcionamento, “é de xustiza que dende AER devolvamos esta cantidade que non gastamos nestes catro anos, ao igual que o fixemos nos catro anteriores”. “Por suposto devolvemos estes cartos a quen nolos deu, ao Concello de Redondela, a toda a veciñanza”.

As contas de AER son públicas

“As nosas contas son públicas dende o 2011, ano de nacemento e constitución da Agrupación de Electores de Redondela (AER)” e calquera veciño pode consultarlas, en calquera momento na páxina web: www.aeredondela.com e nos boletíns AER Informa, tamén en papel, cando son publicadas anualmente.

 

También te puede interesar