Galicia

8.315 galegos inscribiron o seu ‘Testamento Vital’ no Rexistro Galego de Instucións previas

Por medio do documento de instrucións previas, unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade, coa fin de que esta se cumpra no momento en que chegue a situacións nas que non sexa quen de expresala persoalmente, sobre os coidados e o tratamento da súa saúde ou, unha vez chegado o falecemento, sobre o destino do seu corpo ou dos seus órganos.

A idade media dos outorgantes é de 58 anos. No referido ao contido do documento, practicamente a totalidade dos asinantes (máis do 99%) fan mención expresa sobre os coidado e o tratamento da súa saúde. O 47% mostrouse ademais favorable á doazón de órganos e tecidos e o 6% manifestou a súa intención de doar o seu corpo.

Por provincias, o 48% das persoas anotadas concéntrase na Coruña, seguida por Pontevedra co 32%, Lugo co 11% e Ourense co 9%. Por grupos de idade, o 36% das persoas que deciden inscribirse no Rexistro de Instrucións Previas teñen máis de 65 anos, o 34% sitúanse na franxa de idade de entre os 51 e os 64 anos, o 25% entre os 31 e os 50, e o 5% entre os 18 e os 30 anos.

Observando a formalización do documento, do total dos 8.315 cidadáns inscritos, o 45% formalizou o documento ante testemuñas, o 26% das persoas formalizaron ante notario, e o 29% ante un funcionario habilitado. Esta última opción está dispoñible dende xaneiro de 2015.

Procedemento de inscrición

As solicitudes de inscrición poden presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia; en calquera rexistro autonómico ou estatal; nos servizos centrais da Consellería de Sanidade en Santiago e en calquera das unidades do Rexistro galego de instrucións previas

Toda persoa que o desexe pode dirixirse, ben de forma presencial ou telefónica, a calquera destas unidades, onde se lle proporcionará a información e axuda necesaria, tanto na elaboración do documento como nos trámites para a súa inscrición. .

Tamén se poderá depositar o documento nos rexistros oficiais ou mesmo nos centros do Servizo Galego de Saúde, que darán traslado para a súa tramitación no Rexistro Galego.

O documento de instrucións previas deberá estar formalizado ante tres testemuñas maiores de idade con plena capacidade de obrar, das que dúas, como mínimo, non poderán ter relación de parentesco ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, nin estar vinculadas por relación patrimonial, coa persoa outorgante. Tamén se poderá formalizar ante notario ou ante un funcionario do propio Rexistro Galego de Instrucións Previas ou dunha das súas unidades, sen necesidade da presenza de testemuñas.

Consulta na historia clínica electrónica

Os profesionais sanitarios poden consultar o documento de instrucións previas rexistrado a través da Historia Clínica Electrónica, para que sexa tido en conta naquelas circunstancias nas que sexa preciso.

You may also like