Ciencia y Tecnología Galicia

En marcha en Vigo un programa de atención sociosanitaria a mulleres embarazadas en risco social

Realizará un seguimento ddende o segundo trimestre do embarazo ata que o bebé chegue aos 18 meses de idade

A Área Sanitaria de Vigo e a Fundación Meniños acaban de por en marcha un programa sociosanitario de apoio e axuda a mulleres embarazadas que se atopen en situación de risco social. Para a súa realización, a Xerencia da Área Sanitaria cedeu un espazo situado no Centro de Saúde de Navia.

O programa consiste en seleccionar, a través das matronas e traballadoras sociais, a aquelas mulleres embarazadas en situación de risco e vulnerabilidade social.  Unha vez conformados os grupos será a psicóloga contratada pola Fundación Meniños, Jessica Rodríguez, a que se encarga do desenvolvemento das sesións .

O obxectivo é axudar e realizar un seguimento ás mulleres seleccionadas desde o segundo trimestre do embarazo ata o parto e posteriormente ata que o neno ou a nena alcance os 18 meses de idade, segundo confirma a xefa do servizo de Traballo Social da área sanitaria viguesa, María Jesús Lago.

Atención prenatal e perinatal

Trátase dun proxecto de atención prenatal e perinatal dirixido especificamente a xestantes con dificultades sociais, coa finalidade de diminuír as situacións de risco que poidan afectar tanto ás propias proxenitoras como aos seus fillos ou fillas.

“O programa está dirixido a aquelas mulleres embarazadas nas que se detecten determinados factores de vulnerabilidade como estar nun ámbito familiar sometido a situacións de alto estrés, illamento social ou marxinación, consumo de drogas ou condutas antisociais e delituosas, experiencias de malos tratos na infancia ou problemas de saúde mental, entre outros”, explica a psicóloga encargada do programa.

You may also like