Non será necesario derivar aos pacientes ao especialista do hospital para que sexa este quen indique a devandita proba
A partir deste mércores, día 13 de marzo, os médicos de atención primaria da Área Sanitaria de Vigo poderán comezar a solicitar directamente aos servizos hospitalarios a realización de máis probas diagnósticas para os seus pacientes. Segundo o Servizo Galego de Saúde (Sergas), non será necesario derivalos ao especialista do hospital para que sexa este quen indique a devandita proba.
Así, xa dende mañá, os facultativos dalgúns centros de saúde poderán solicitar endoscopias dixestivas (gastroscopias e colonoscopias) de xeito que o 29 de abril este proxecto xa estea estendido a todos os centros da área. Ademais, a partires do 1 de abril, tamén terán acceso directo a petición de TCs intracranial.
Beneficios para os pacientes
Dende o Servizo Galego de Saúde sublíñase que “trátase de accións orientadas a mellorar a accesibilidade ao sistema sanitario e, en consecuencia, a xerar maiores beneficios para os pacientes. Neste senso, ademais de incrementar o acceso dos médicos de primaria ás probas diagnosticas, tamén se acometerán cambios na accesibilidade ás consultas externas hospitalarias e se reorganizará a atención urxente domiciliaria”.