Galicia

Os galegos non comemos a cantidade de peixe recomendada e menos do 50% consume peixe dúas ou tres veces á semana

Logo da presentación dos resultados do estudo ‘Hábitos Alimentación 2019’  a Unión de Consumidores de Galicia vén de presentar un apéndice de dito traballo centrado nos resultados de consumo de peixe.

As recomendacións sobre consumo de peixe establecen unha proporción de 3 a 4 veces á semana, unha frecuencia que non parece acadarse en Galicia. Segundo o traballo da UCGAL, preto do 48% dos galegos e galegas consume peixe dúas ou tres veces á semana. Porén, máis do 27% afirman consumilo só unha vez cada sete días e máis do 10% con menor frecuencia ou nunca.

Atendendo ao sexo das persoas que participaron neste estudo, a maior frecuencia de consumo semanal dáse entre as mulleres. Atendendo aos datos, hai unha maioría de homes (32,52%) que só consumen peixe unha vez por semana, unha cifra que -coa mesma periodicidade- descende ata case o 26% nas mulleres.

Os datos por tramos de idade resultan preocupantes na franxa de 18 a 30 anos, máis do 37% consume peixe unha vez por semana e case un 19% con menor frecuencia ou nunca. Son os maiores de sesenta anos os que realizan un consumo máis regular, un 23,32% afirma que o toma entre 4 e 6 veces por semana; séguenlles de lonxe os consumidores de 51 a 60 anos cunha porcentaxe de pouco máis do 12% no mesmo rango de frecuencia.

Este traballo tamén permite coñecer o consumo de peixe atendendo ao número de persoas integrantes do fogar. A mellor proporción semanal de consumo de peixe dáse nas familias de tres e de catro membros. Tamén pódese dicir que a menor número de integrantes no fogar, menor frecuencia de consumo; máis do 13% das vivendas cunha e con dúas persoas afirman comer peixe cunha frecuencia inferior á semanal ou nunca.

Debullados os datos por provincia é a de Pontevedra a que destaca na aplicación das recomendacións de consumo semanal de peixe, case un 50% fai un consumo de 2-3 veces por semana e máis dun 13% de 4 a 6 veces. Nas catro provincias galegas o consumo na franxa de 2 a 3 veces por semana supera o 48%.

Te podría interesar