'Qué te cuentas?' Cultura

@depo_es aproba as bases do programa ‘O teu primeiro emprego’

A presidenta da Deputación de Pontevedra vén de anunciar a aprobación das bases reguladoras do programa de fomento da empregabilidade “O teu primeiro emprego”. O mesmo desenrolarase en empresas e corporacións sectoriais e, tamén, en organizacións non gobernamentais, asociacións sen ánimo de lucro prestatarias de servizos sociais.

Este programa virá a substituír desde o próximo mes de xullo ao antigo Plan de Práctica Laboral nas empresas, nos concellos e na propia institución provincial.

Neste eido, o obxecto destas bases é regular as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública, en concorrencia competitiva, para a selección de empresas e corporacións sectoriais e de organizacións non gobernamentais da provincia como entidades colaboradoras, e a determinación das titulacións dos postos de traballo que se van desempeñar baixo a modalidade de contrato en prácticas.

Posteriormente haberá unha segunda fase de selección das persoas beneficiarias destas contratacións en prácticas conforme as bases reguladoras.

250 contratacións

Máis polo miúdo, no que respecta a empresas e corporacións sectoriais, serán un total de 250 contratacións en prácticas que se distribúen en dous grupos: 150 contratacións en prácticas para persoas tituladas universitarias e 100 para persoas tituladas en ciclos superiores de formación profesional.

O crédito destinado a este programa ascende a 2.940.000€.  En canto a organizacións non gobernamentais, asociacións sen ánimo de lucro que desenvolvan programas ou sexan titulares ou xestoras de centros ou programas de servizos sociais, van ser 40 contratacións en prácticas tamén distribuídas en dous grupos: 25 para persoas tituladas universitarias e 15 para persoas tituladas en ciclos superiores de FP. Neste caso, o crédito ascende a  case medio millón de euros, en concreto 471.000€.

Contratos de 6 meses prorrogables por outros 6

Tal e como explicou Carmela Silva, “os contratos en prácticas serán subvencionados por un período de seis meses, prorrogables a outros seis suxeitos a dispoñibilidade orzamentaria”.

Os contratos serán subvencionados de maneira que a Deputación aporta o equivalente ao salario mínimo interprofesional e as entidades colaboradoras deberán complementar a cantidade que sexa necesaria ata acadar os salarios que correspondan segundo a categoría profesional asignada polo Convenio colectivo aplicable ou, de non existir esta, categoría equivalente asumindo o custo total da seguridade social e demais conceptos salariais que poidan derivarse da relación contractual de cada persoa traballadora en prácticas

As solicitudes para participar poderán realizarse a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra e o prazo das presentacións será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

Te podría interesar