Galicia

@Xunta concederá axudas de ata 10.800€ a menores de 35 anos que compren unha vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará este ano un importe de 800.000 euros a axudas para adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitante. O importe global desta liña de axudas cuadriplica os fondos destinados a esta liña de incentivos o pasado ano. O Diario Oficial de Galicia publica este venres a Resolución pola que se procede á convocatoria destas axudas, que se poderán solicitar ata o 31 de outubro, salvo que antes se esgote o orzamento.

O Instituto galego de Vivenda e Solo (IGVS) subvencionará con ata 10.800 euros a adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes, co obxectivo de contribuír ao asentamento de mozos nos concellos menos poboados, favorecendo a fixación de poboación nova nas áreas máis rurais de Galicia.

O importe de cada axuda concedida será do 20 por cento do custo de adquisición da vivenda e sempre cun límite máximo de 10.800 euros por beneficiario. No suposto de ser adquirida por máis dun propietario repartirase o citado importe en función da porcentaxe da cota adquirida.

Tamén poderán acollerse á  convocatoria de 2019 os propietarios de vivendas que, reunindo todos os requisitos esixidos na resolución, fosen adquiridas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2019; así como as persoas que presentasen unha solicitude de subvención na convocatoria de 2018 e lles fose denegada por esgotamento do crédito previsto na mesma.

Requisitos

Os principais requisitos que teñen que cumprir os solicitantes destas axudas serán: ter menos de 35 anos de idade na data de presentación da solicitude; tr nacionalidade española ou residencia legal en España; dispoñer duns ingresos anuais por parte das persoas que compoñen a unidade de convivencia iguais ou inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem); excepcionalmente, os ingresos poderán chegar a 4 veces o Iprem no caso de familias numerosas de categoría xeral ou unidades de convivencia con discapacitados; e no caso de familias numerosas de categoría especial ou unidades de convivencia nos que algún membro sufra unha das discapacidades establecidas na resolución, o límite será de 5 veces o Iprem. Ter subscrito un contrato privado ou unha escritura pública de adquisición da vivenda con posterioridade a 1/01/2019, salvo para aquelas persoas que tendo solicitada a axuda en 2018 se lles denegara por esgotamento de crédito.

Polo que respecta ás vivendas, estas deberán cumprir as seguintes condicións: estar emprazada nun concello de menos de 5.000 habitantes; que se trate dunha vivenda xa construída -para estes efectos, admitiranse tanto as vivendas novas como as usadas-; o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, será igual ou inferior a 100.000 euros.

 

También te puede interesar