Cultura Galicia

@luar_na_lubre, o vindeiro día 26 en Vigo

Luar Na Lubre, unha das bandas de referencia da música folk do noso país, publicou en maio un disco dedicado á Ribeira Sacra, que presentará no Teatro Afundación de Vigo o vindeiro sábado 26 de xaneiro.

A banda liderada por Bieito Romero segue a espallar a música, o idioma, e a cultura galega en diferentes lugares do mundo, desta volta co seu novo disco, ‘Ribeira Sacra’. A súa xira de máis de 40 concertos levounos por toda Europa -Reino Unido, Francia e Bélxica-, América Latina, con especial presenza, por suposto, na Península e en Galicia. E aínda lle quedan outros 40 por realizar a comezos de 2019.

Luar na Lubre gravou en outubro de 2017 este novo traballo discográfico no Mosteiro de San Pedro de Rocas -Esgos, Ourense– que ten como obxectivo poñer en valor a través da música a riqueza histórica, etnográfica, natural e monumental deste territorio.

Este novo disco inclúe 26 temas que proveñen de composicións propias, música tradicional e melodías “que van lembrar e remarcar todo o patrimonio que temos na Ribeira Sacra”, en palabras de Bieito Romero, que salientou que esta é a primeira vez que se fai un disco destas características para potenciar e difundir a Ribeira Sacra a través da música”, un territorio “que é desde sempre patrimonio da humanidade, aínda que oficialmente aínda non, e a nosa idea é poder falar coa grandeza da Ribeira Sacra, potenciándoa a través da música”.

También te puede interesar