Os responsábeis da Área Sanitaria de Vigo, logo da renuncia dunha veintena de responsábeis de centros de Atención Prímaria e de o anuncio da continuación das mobilizacións por parte de persoal dos Puntos de Atención Primaria (PAC), enumeran nunha nota de prensa as medidas que foron postas en marcha dende a Consellería de Sanidade neste servizo.
Na mesma subliñan que a Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo “dispón, neste 2018, do maior orzamento da súa historia e o máis elevado de todas as áreas sanitarias de Galicia, superando os 250 millóns de euros”.
Do mesmo xeito, aseguran que dende 2016 “téñense construído ou reformado máis centros de saúde que nos últimos 15 anos -Oia, Panxón, Tui, Taboada Leal, e o PAC de Vigo, xa operativos, Gondomar, que entrará en funcionamento en primavera de 2019, Salceda de Caselas xa adxudicado e Pazos de Borbén a piques de iniciar a súa ampliación), cun investimento global de máis de 15 millóns de euros.
Fíxose unha “aposta pola estabilidade laboral”, engade, e hoxe “na Atención Primaria de Vigo traballan 1.563 profesionais, dos que 505 son médicos e o 85,4% deles persoal fixo.
Os responsábeis da Área Sanitaria viguesa subliñan que “a sociedade ten posto todos os recursos necesarios para unha axeitada cobertura asistencial, se ben é evidente tamén que a situación de ‘paro 0’ en medicina familiar e comunitaria ou pediatría, que afecta a todo as comunidades, nestes momentos representa unha grande dificultade, e imposibilita a cobertura de todas as ausencias dos titulares, aos que temos que agradecerlles o esforzo que están acometendo para garantir a excelente calidade asistencial que dispensamos”.
Para afrontar esta situación, aprobáronse varias medidas, coma “ampliación da idade de xubilación aos 70 anos, nos que somos unha das comunidades pioneiras o que ten permitido manter no sistema un número importante de profesionais médicos; amplas ofertas públicas de emprego, ou a solicitude ao Ministerio de Sanidade da ampliación da oferta docente MIR”.