'Qué te cuentas?' Destacados

@bngvigo denuncia que 18.500 fogares da cidade están en situación de ‘pobreza enerxética’

A campaña do BNG contra o “espolio e a estafa eléctrica” coa que a formación nacionalista está a reclamar desde hai varias semanas unha rebaixa do recibo eléctrico, continúa a súa marcha e recalou en Vigo. Cun acto público diante do mercado do Calvario, no que tomaron a palabra o candidato do  Bloque á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, volveron chamar á cidadanía a participar na recollida de sinaturas que o Bloque Nacionalista Galego pretende presentar no parlamento para exixir que “o conxunto do pobo galego se beneficie da enerxía que se xera en Galicia”.

Bará volveu incidir no “sen sentido” de que un territorio que é “produtor neto e exportador de enerxía, como Galicia, teñamos que pagar un dos recibos eléctricos máis caros do Estado”. Unha factura que aumentou o seu custa por volta dun 30% desde o ano 2010 e que sufrirá novas subas nas vindeiras semanas.

Na mesa instalada fronte ao mercado volveron a recollerse varios centos de sinaturas, exixindo unha tarifa eléctrica galega, a supresión dos suplementos territoriais que grava a factura eléctrica, a redución do IVE que se lle aplica ao subministro eléctrico do 21% ao 4%. Aliás, na campaña promovida pola formación nacionalista demándase que non se permita o corte do subministro ás persoas que por razóns económicas non poidan pagar e a a creación dunha empresa pública galega que integre os encoros que remataron o período de concesión para “socializar” os rendementos económicos.

18.500 fogares de Vigo en situación de pobreza enerxética

Pola súa banda, Pérez Igrexas denunciou que na mesma cidade “que agora deslumbra co alumeado de nadal seguimos a ter 18.500 fogares en situación de pobreza enerxética”. O candidato nacionalista volveu demandar un “aumento susbtancial” das axudas sociais municipais. “Non pode ser que nun Concello con 258 millóns de euros de orzamento, a única axuda que reciben as moitas familias que non poden pagar a factura da luz sexa que o Concello asuma un ou dous recibos durante todo o ano”, enfatizou. Ademais, volveu poñer o foco nas “1.100 persoas que ficaron sen o chamado cheque social este mesmo ano”.

Igrexas defendeu a creación dunha Oficina municipal de asesoramento enerxético, como instrumento para que Concello de Vigo “se poña do lado da veciñanza fronte os abusos das grandes empresas eléctricas”, ofrecendo asesoramento e apoio, tamén a nivel legal, e orientando á cidadanía para poder beneficiarse de fórmulas que abaraten o seu recibo eléctrico.

También te puede interesar