'Qué te cuentas?' Comarcas

@carmelasilva subliña o traballo de Juventina Lóez e Ita Xocol, protagonistas da iniciativa ‘Mulleres que cambian o mundo’

A presidenta da Deputación recibiu este mércores a Juventina López e a Manuela (Ita) Xocol, as dúas cooperantes guatemaltecas que protagonizarán, ao longo destes días, a xira provincial “Mulleres que cambian o mundo” que percorrerá Pontevedra, Vigo, Bueu, Silleda, A Estrada, Lalín, Caldas, Vilagarcía e O Grove. Xuntas, e acompañadas da Coordinadora Galega de ONGD, clausuraron a exposición “Tecedoras de cambio”, da que López e Xocol son tamén protagonistas, e que nunha semana repartiu preto de medio millar de libros explicativos.

Carmela Silva enxalzou a Juventina López e Ita Xocol ás que incluíu no grupo de “mulleres potentísimas e empoderadas  que están decididas a cambiar o mundo”. Para a presidenta este acto foi “un dos máis fermosos destes tres anos e medio de goberno,  no que mulleres de diferentes continentes nos unimos para falar de que é necesario cambiar o mundo e de que hai que facelo desde a igualdade, coa participación da metade da poboación que somos as mulleres, cunha mirada plural e horizontal e entendendo que as loitas por construír sociedades xustas soamente se van acadar se as mulleres somos protagonistas”.

Juventina López, presidenta da Asociación Indíxena Agropecuaria Prodesarrollo Integral de Champerico, mediadora de conflitos, guía espiritual e indíxena mam, destacou que a través desta xira “temos a posibilidade de dar a coñecer a realidade que vivimos as mulleres que fomos discriminadas, humilladas, por ser mulleres, indíxenas, cun vestiario e idioma diferentes, coa nosa propia identidade cultural”.  Neste eido, subliñou a necesidade de mudar o mundo “coa participación das mulleres, co noso empoderamento e maior incidencia nos espazos públicos e privados”.

No caso de Ita Xocol, amais de amosar a súa satisfacción por poder compartir e defender a súa loita pola consecución de dereitos en Guatemala, enxalzou a necesidade de defender o dereito á comunicación como un xeito de dar a coñecer e fortalecer ás mulleres.

También te puede interesar