Galicia

508 persoas admitidas para participar nas segundas oposicións da Xunta reservadas para discapacidade intelectual

508 persoas veñen de ser admitidas para participar nas segundas oposicións da historia da Xunta reservadas especificamente para a discapacidade intelectual, o que supón un incremento do 18% nas admisións respecto ás primeiras oposicións. Todas elas aspiran a unha praza de persoal subalterno na Administración galega.

Os participantes neste proceso terán máis posibilidades de acceder a unha praza de emprego público, xa que o número de prazas convocadas pasou de 6 a 24. Esta será a segunda promoción de empregados públicos da Administración autonómica con discapacidade intelectual, xa que a primeira xa está a traballar desde hai meses en distintas consellerías da Xunta de Galicia.

Tal como recolle a resolución publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, a relación de persoas admitidas e excluídas pódese consultar no portal web funcionpublica.xunta.gal. Para realizar este proceso, a Consellería de Facenda conta coa colaboración de Down Galicia e da Federación galega de asociacións a favor das persoas con discapacidade Intelectual ou do desenvolvemento (Fademga), co obxectivo conxunto facilitar a entrada deste colectivo na Xunta.

Dous exercicios

A oposición constará de dous exercicios. O primeiro (obrigatorio e eliminatorio) consistirá na contestación por escrito dun cuestionario tipo test de 45 preguntas: 20 preguntas da parte xeral do programa e 25 preguntas sobre contidos prácticos do traballo a realizar incluídos na parte específica do programa.

O segundo exercicio (obrigatorio e non eliminatorio) centrarase na contestación por escrito dun cuestionario de 10 preguntas tipo test, mediante o cal se evidencie o coñecemento por parte das persoas aspirantes da lingua galega.

También te puede interesar