Vigo al minuto

‘Mariner’, do Centro Tecnolóxico do Mar, que ten a súa sede en Vigo, mellor proxecto Atlántico 2018

A Unión Europea vén de recoñecer o traballo do proxecto MARINER por reforzar a cooperación rexional na planificación, preparación e resposta ás verteduras marítimas de substancias químicas consideradas como nocivas e potencialmente perigosas (SNPP).

Este galardón foi recollido esta semana en Vigo pola directora do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), Paloma Rueda,  durante a ‘5ª Conferencia da Plataforma de Stakeholders do Atlántico’ e recoñece o éxito sobresaínte” desta iniciativa -coordinada pola Fundación CETMAR xunto a outras institucións galegas como o Intecmar, o Servizo de Gardacostas e a Universidade de Vigo- pola súa relevancia para a implementación do Plan de Acción Atlántico, neste caso no ámbito da cooperación internacional.

O Centro Tecnolóxico do Mar,  que xa fora galardoado nos Atlantic Project Awards 2016 polo proxecto ARCOPOL Platform, recibe así un premio que destaca a vocación do proxecto MARINER de desenvolver resultados tanxibles para mellorar a preparación e resposta a verteduras mariñas de substancias químicas, resultados que ademais poden ser transferidos a outras áreas xeográficas.

Durante os dous anos de traballo conxunto, o consorcio MARINER fixo especial fincapé na difusión dos seus resultados a nivel institucional, de xeito que puideran ser aplicados polas autoridades competentes e polos equipos de loita contra a contaminación mais alá do ámbito da Estratexia Atlántica, de aí o premio recibido agora á cooperación internacional.

As accións de MARINER, no que participaron institucións de Reino Unido (Public Health England), Francia (CEDRE) e Portugal (CIIMAR e Bentley Systems), permitiron avanzar na compilación e visibilización do coñecemento existente e na mellora dos protocolos e equipos de resposta aos vertidos deste tipo de substancias químicas. O proxecto permitiu ademais desenvolver novas ferramentas de predición do comportamento desas verteduras e do seu impacto ambiental no medio mariño, así como materiais e ferramentas de formación.

También te puede interesar