Galicia

Aberto o prazo para solicitar as axudas para a compra de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes

A Xunta vén de aprobar subvencións de ata 10.800€ para a adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así consta na resolución que publica este martes o Diario Oficial de Galicia pola que se establecen as bases reguladoras da convocatoria e se abre o prazo de presentación de solicitudes desta axuda, incluída no Plan de Vivenda 2018-2021.

O obxectivo destas subvencións é contribuír ao asentamento de mozos nos concellos menos poboados, favorecendo a fixación de poboación nova nas áreas máis rurais de Galicia.

A resolución establece que o importe de cada axuda concedida será do 20 por cento do custo de adquisición da vivenda e sempre cun límite máximo de 10.800€ por beneficiario. O prazo para a presentación de solicitudes comezará este mércores, día 17 de outubro, e estará aberto durante un mes, sendo o último día para poder acollerse á convocatoria o 16 de novembro.

Está previsto que estas axudas se convoquen tamén para os anos 2019, 2020 e 2021 cun importe total de case 3 millóns de euros: 200.000€ correspondentes á convocatoria de 2018 e 2.750.000 euros a repartir entre os próximos tres anos.

Poderán acollerse á convocatoria de 2018 os propietarios de vivendas que, reunindo todos os requisitos esixidos na resolución, fosen adquiridas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2018.

Os principais requisitos que teñen que cumprir os solicitantes destas axudas serán: ter menos de 35 anos de idade na data de presentación da solicitude; ter nacionalidade española ou residencia legal en España; dispoñer duns ingresos anuais por parte das persoas que compoñen a unidade de convivencia iguais ou inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem). Excepcionalmente, os ingresos poderán chegar a 4 veces o Iprem no caso de familias numerosas de categoría xeral ou unidades de convivencia con discapacitados; e no caso de familias numerosas de categoría especial ou unidades de convivencia nos que algún membro sufra unha das discapacidades establecidas na resolución, o límite será de 5 veces o Iprem.

Polo que respecta ás vivendas, estas deberán cumprir as seguintes condicións:  estar emprazada nun concello de menos de 5.000 habitantes; que se trate dunha vivenda xa construída e o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, será igual ou inferior a 100.000€.

También te puede interesar