Destacados Sucesos

@ConcelloNigran organiza este domingo unha homenaxe no primeiro aniversario dos incendios

O Concello de Nigrán, Comunidade de Montes de Chandebrito e a Asociación de Veciños ‘O Castro’ organizan este domingo, día 14 de ourubro, un acto de homenaxe no primeiro aniversario dos incendios que arrasaron a contorna e causaron dúas vítimas, Angelina e Maximina.

A celebración arrancará ás 7 da tarde na contorna do ‘Bosque da Memoria’, unha reforestación feita hai  meses detrás do Castro de Chandebrito e onde se instalará unha carpa ante a posibilidade de choiva.

Os actos abranguen un recoñecemento público á veciñanza e ás entidades que  colaboraron durante e despois da catástrofe. Ademais, descubrirase unha escultura conmemorativa realizada polo colectivo artístico ‘Arte no Queimado’ e presentaranse proxectos medioambientais concretos para a zona. A continuación, haberá un magosto popular e música a cargo do recoñecido  gaiteiro e compositor Xulio Lorenzo e o guitarrista Diego Bea xunto ao grupo de gaitas ‘O Castro de Chandebrito’. A xornada rematará coa proxección en directo ás 9 e media da noite do programa ‘Volando Voy’ de Jesús Calleja que foi gravado no Val Miñor a tenor dos incendios e que prestou especial atención á parroquia.

“Será un acto en positivo, onde por en valor a nova concienciación medioambiental e o sentimento de unión e fraternidade xurdida nas parroquias de Camos e Chandebrito despois da catástrofe. Por suposto, será tamén un acto para o recordo das dúas veciñas de Chandebrito que perderon a vida nese día, Angelina e Maximina”, sinala o alcalde, Juan González.

Finalmente, se a climatoloxía o permite, o Concello de Nigrán ten previsto organizar o luns 15, no propio aniversario dos lumes, unha andaina polo futuro parque forestal Taboas-Os Matos, contorna que tamén foi devastada polo lume (compre recordar que en Chandebrito só sobreviviron 2 hectáreas do total de 232 de monte comunal e en Camos 20 ha do total de 370 ha).

También te puede interesar