Ciencia y Tecnología Galicia

A delegación da pesca costeira artesanal galega reivindica en Bruxelas o trato diferenciado do sector

“Pedimos un trato diferencial da pesca artesanal de Galicia”, subliñou o patrón maior de Cangas Francisco Javier Costa, en representación da delegación da pesca costeira artesanal galega trasladada a Bruxelas para participar na xornada de traballo, organizada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, sobre os fondos comunitarios marítimo pesqueiros para o vindeiro período 2021-2027 e as achegas galegas aos mesmos.

“Teñen que contemplarse criterios realistas na definición de pesca artesanal, moi ligada á política medioambiental, e non só baseados na dimensión das embarcacións”, afirmou a eurodeputada nacionalista, como son a distancia da costa á que faenan estes barcos e as artes sostibles que empregan. Desta forma Ana Miranda resumía as consideracións que a delegación lle trasladou a Brian O´Riordan, Director Adxunto de LIFE – Pescadores de Baixo Impacto Ambiental.

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, fixo fincapé nas repercusións socioeconómicas deste tipo de actividade pesqueira e mariscadora.Trátase dun sector chave na nosa economía, especialmente polo seu papel de creador de riqueza de proximidade. Falar de artes de pescar artesanal, marisqueo e acuicultura sostible é a única forma de xerar futuro para as novas xeracións”, salientou.

Outro dos aspectos diferenciais da pesca costeira artesanal galega salientados ao longo da xornada refírese á posición do sector a respecto da lei de desembarques. “A pesca artesanal galega non ten desembarques, xa que as mareas son de entre 8 e 10 horas e a pesca é selectiva, de forma que todo o peixe recollido é vendible”, explicou ao respecto o patrón maior de Cangas. “Nin eles mesmos saben como se vai executar”, sinalou.

A xornada de traballo continúa este martes, día 9, cunha xuntanza na Comisión Europea con Elisa Roller, xefa de Unidade da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea e diversos responsables dos fondos e as cotas comunitarias.

También te puede interesar