Galicia Vigo al minuto

@MareaVigo asegura que moitas das amortizacións que realiza Vitrasa non son prioritarias e encarecen o prezo do bus

“Vitrasa sigue adquirindo vehículos, tendo unha vida útil por debaixo dos 6 anos, feito innecesario en materia de seguridade”

O voceiro de Marea de Vigo sinalou este luns que mentres o Concello da Coruña vén facer efectiva unha rebaixa nos billetes de transporte público, un 8% no billete ordinario, quedando este en 1,20 euros e un 30% o billete social -0,23€ fronte aos 0,69 de Vigo-, aquí Vitrasa sigue adquirindo vehículos, “tendo unha vida útil por debaixo dos 6 anos, feito innecesario en materia de seguridade, e que e soamente se explica baixo a necesidade de condicionar o gasto ás amortizacións pendentes e polo tanto, á renovación da concesión que remata o ano que vén”.

Rubén Pérez subliñou que estas actuacións de Vitrasa “levan anos condicionando o prezo do billete” e este mesmo ano, “considerou unha suba de 3 céntimos [finalmente aceptada polo Concello de 2 céntimos] para facer fronte aos custos do novo convenio colectivo e sobre os incrementos salariais por categoría, mais, segundo o que que vén de denunciar o comité de empresa, as condicións laborais se precarizan sen vergoña ningunha e o diñeiro público obtido non repercutiu en todos os aspectos laborais utilizados pola empresa como escusa”.

Marea de Vigo esixe empezar a falar xa do fin da concesión de Vitrasa en 2019, sobre que alternativas de xestión pode abordar o Concello, “sen excluír a xestión pública directa do transporte como fan grandes cidades do Estado”, pero especialmente sobre que tipo de investimentos ten feito a empresa e a súa incidencia sobre os custos do billete.

“Dende renovar antes do ciclo normal vehículos con escusas pouco cribles como puntos de recarga de móbiles e supostas melloras en seguridade, ate o feito de que os miles de envíos de cartas da PASSVIGO estea a ser xestionada pola propia concesionaria” matiza Rubén Pérez.

Marea de Vigo lembra que foi durante os mandatos de Abel Caballero, cando se incorporaron decisivas modificacións ao billete de transbordo e fíxose unha aposta importante por modificar o contrato, mesmo o concelleiro Xulio Calviño sinalaba naquela altura que ao Concello “non lle tremería o pulso se tiña que modificar o concurso” para o que mesmo se programou un informe para avaliar as modificacións do contrato e as implicacións futuras na ampliación do mesmo, “beneficiando sempre a Vitrasa”.

Marea de Vigo tamén quere lembrar que están sen facer as auditorías anuais que esixe obrigatoriamente o prego e precisamente “son estas as que, en concellos como o de A Coruña, xeraron a rebaixa do billete anunciada no día de onte: a intensa fiscalización na que se comprobou que o beneficio para a empresa concesionaria era excesivo incluso baixo á a normativa europea fixo posible esta rebaixa, sería bo fiscalizar a Vitrasa para poder saber, tamén, se en Vigo a empresa está lucrándose inxustamente cos cartos da veciñanza”.

También te puede interesar