Ciencia y Tecnología Galicia

A Área Sanitaria de Vigo terá unha vía directa de atención a pacientes con sospeita de deterioro cognitivo

Iniciará a súa actividade o 1 de outubro nos centros de sáude de Pintor Colmeiro, Sárdoma e Mos

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) vén de constituír, na Áreas Sanitaria de Vigo, unha ‘Vía Directa’ de derivación prioritaria desde Atención Primaria ao servizo de Neuroloxía para a atención aos pacientes con sospeita de deterioro cognitivo.

Segundo o Sergas, “a posta en marcha desta vía directa é unha máis das actuacións levadas a cabo no proceso de constitución de Unidade de Demencias que comezou a súa andadura a principios deste ano coa contratación dun neurólogo específico para este fin”.

Este facultativo está a traballar, asegura dende Sanidade, xunto con especialistas de Atención Primaria e de Psiquiatría e Xeriatría, na reordenación da atención a pacientes con sospeita destas   enfermidades, co obxecto de ofrecerlles unha asistencia máis integral, áxil e humanizada.

Esta Vía Directa de derivación inicia a súa actividade no próximo día 1 de outubro nos centros de sáude de Pintor Colmeiro, Sárdoma e Mos.

Consulta de Alta Resolución

“O grupo de traballo elaborou e consensuou os criterios de derivación prioritaria dos pacientes con sospeita de enfermidade dexenerativa, e estableceu os medios necesarios para garantir a eficacia desta nova modalidade de atención”, indican dende o Servizo Galego de Saúde.

Un dos traballos previos requiridos foi a creación do ‘circuíto para a solicitude de TAC de cerebro’ desde Atención primaria xunto coas outras probas complementarias necesarias, que farán que o paciente, cando sexa derivado ao neurólogo, xa estea ben orientado, cun diagnóstico diferencial e con todas as probas realizadas.

Deste xeito, na maioría dos casos, “permitirá ao neurólogo nunha primeira consulta -consulta de Alta Resolución-  realizar un diagnóstico de certeza e iniciar un tratamento. En consecuencia, axilízanse os tempos de espera e evítanse desprazamentos innecesarios destes pacientes ao hospital, favorecendo que o paciente se manteña na súa contorna, atendido polo seu equipo de profesionais desde atención primaria, o que redundará nunha mellor evolución a medio e longo prazo do seu deterioro cognitivo”.  

También te puede interesar