Destacados Galicia

A doutora Milagros Otero, médico da Área Sanitaria de Vigo, nova presidenta da Sociedad Europea de Urorradiología

Trátase da primeira vez que unha médico española é presidenta dunha sociedade europea de Radioloxía

A doutora Milagros Otero, xefa de sección da área de Radioloxía Abdominal e Xenitourinaria da Área Sanitaria de Vigo, vén de ser nomeada presidenta da Sociedad Europea de Urorradiología no último Congreso internacional, celebrado en Barcelona a pasada semana. Trátase da primeira vez que unha médico española é presidenta dunha sociedade europea de Radioloxía.

A doutora Otero, actual presidenta da Sociedad Española por Imagen del Abdomen, membro do Comité Internacional do estudo de patoloxía de Pelvis Femenina da Sociedad Europea de Radiología, que xa era membro da xunta directiva da Sociedad Europea de Radiología  (ESR), expresa a súa satisfacción ante este nomeamento, “teño unha enorme responsabilidade pero ao mesmo tempo estou feliz porque é o recoñecemento da radioloxía galega en xeral, e a do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, en particular. Estou orgullosa dos meus mestres e do meu hospital. Aprendín deles a forma de traballar, o esforzo  e a curiosidade científica por saber máis e máis.”

Tamén ten palabras de agradecemento para o seu equipo “creo no traballo en equipo. Ao traballar nun equipo intradepartamental e multidisciplinar, co resto das especialidades médicas e  dos hospitais nacionais e internacionais, podemos acadar a necesaria calidade científica para prestar a mellor atención aos nosos doentes. Estou impresionada co meu equipo de radiólogas e radiólogos, e co persoal técnico e de enfermería  da área de radioloxía de abdome e xenitourinario.  Son eles os que me animan e estimulan día a día. Sería imposible chegar aquí sen a súa colaboración e traballo”.

También te puede interesar