Destacados Galicia

O Goberno de Galicia amplía un mes máis o prazo para pedir axudas por danos nas vivendas de Paramos, en Tui

As persoas afectadas pola explosión da pirotécnica de Paramos, en Tui, terán un mes adicional de prazo para a presentación das solicitudes de axudas destinadas a sufragar os gastos de reparación dos danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico derivados da explosión.

Esta medida vén a cumprir o avanzado o pasado 29 de agosto, na reunión que a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo en Tui co alcalde  e os representantes dos veciños afectados pola explosión pirotécnica.

Tal e como recolle a Orde que publica este mércores a Consellería de Infraestruturas e Vivenda no Diario Oficial de Galicia, e que se pode consultar premendo aquí , o prazo de presentación de solicitudes, que remataba o 7 de setembro prolongarase ata o vindeiro 7 de outubro próximo.

Ata o momento actual presentáronse 107 solicitudes de axudas para reparación de danos en vivendas e enxoval doméstico, das que xa foron concedidas 68 axudas por importe de máis de 1,5 millóns de euros.

Os beneficiarios das axudas poden solicitar o pago anticipado das mesmas, unha vez que foron concedidas, xustificando posteriormente que as mesmas se destinaron aos fins para que foron solicitadas. Para iso é necesario que soliciten o pago anticipado, excepto no caso de axudas para vivendas ruinosas, cuxo pago se realiza automaticamente unha vez aprobada.

Deste xeito, do total de axudas concedidas xa foron pagados aos beneficiarios preto de 1.3 millóns de euros, que supoñen o 82% do importe de axudas concedido.

También te puede interesar