Galicia

Aberto o prazo para solicitar as axudas á contratación de mulleres desempregadas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o programa de axudas para a contratación indefinida de mulleres desempregadas ao que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina máis de 1,5 millóns de euros para que preto de 200 mulleres poidan atopar un traballo de calidade. Con esta actuación estímase apoiar a súa inserción laboral a través de 150 empresas.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes rematará o 30 de setembro. As solicitudes polas contratacións subvencionables realizadas entre 1 de xaneiro 2018 e a data da publicación desta orde (o 27 de xuño) deberán presentarse no prazo de dous meses, é dicir, ata o 27 de agosto.

Inclúense dous tipos de axuda compatibles: un bono de contratación, por medio do cal se proporcionará unha axuda para os contratos indefinidos iniciais realizados con mulleres desempregadas; e un bono de formación (opcional) dirixido ás mulleres contratadas por medio desta orde para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Os dous tipos de axudas suman 8.000€: o bono de contratación será de 7.000€ e o de formación de 1.000.

No caso dos apoios á contratación, o bono de 7.000€ incrementarase nun 25% para as mulleres maiores de 45 anos, emigrantes retornadas ou no caso de que o centro de traballo estea emprazado no rural. Son supostos acumulables entre si, polo que a axuda máxima deste programa, tendo tamén en conta o bono formativo, pode chegar a 13.250€ por muller contratada.

También te puede interesar