Destacados Sucesos

As brigadas de mantemento das estradas provinciais atenderon 231 emerxencias a primeira metade deste ano

As brigadas de conservación das estradas provinciais dependentes do departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra atenderon na primeira metade do ano 231 emerxencias motivadas por accidentes, temporais, desprendementos e outras incidencias.

Os avisos para estas actuacións, segundo explica o deputado Uxío Benítez, foron trasladados aos capataces das brigadas pola Unidade de Control e Vixilancia da Deputación, e xestionadas segundo o protocolo de actuación para cada intervención tanto no momento do aviso como cun seguimento posterior.

As estatísticas do servizo revelan que os tres primeiros meses do ano, nos que se produciron varios temporais por chuvia e alertas de neve, foron os máis activos para as equipas provinciais de mantemento viario, con 48 incidencias en xaneiro, 40 en febreiro e 67 no mes de marzo.

Por tipoloxías, neste 2018 as actuacións máis habituais foron os traballos de soporte e atención en accidentes de tráfico para sinalizar o suceso, retirar elementos da calzada e baldear a vía no caso de que se derramaran líquidos (63); as retiradas de pólas e árbores nas calzadas (48); a recollida de animais soltos (27); desprendementos de noiros con terra e pedras (23); fochancas (16); nevadas ou xeo (13);  así como asolagamentos (13) e outras actuacións variadas (semáforos sen funcionamento, retirada de tapas de alcantarilla, postes caídos, retirada de metais…).

A zona Sur da provincia, a máis conflitiva

As brigadas da zona Sur, que atenden a maior extensión do territorio da provincia (Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, A Lama, Mondariz, Mondariz Balneario, Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra, Soutomaior, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo, Ponte Caldelas, As Neves, Oia, Nigrán, Baiona, Pazos de Borbén e Mos) foron as que máis traballo tiveron no que vai de ano. Nas vías provinciais actuouse en 97 casos dende as bases de Gondomar e Ponteareas e os concellos máis necesitados de actuacións de emerxencia foron A Cañiza (con 18 intervencións), Mos (10) e Ponteareas (9).

Protocolo estandarizado

O sistema de emerxencias nas estradas provinciais funciona 24 horas os 365 días ao ano aplicando un protocolo estandarizado: as alertas chegan ao servizo de Vixilancia da Deputación principalmente a través do 112, pero tamén da Policía Local do concello afectado, da Guardia Civil, de alcaldes, concelleiros ou de calquera veciño.

También te puede interesar