Destacados Vigo al día

@MereaVigo presentará unha moción no Pleno do Concello para que Audasa pague todo o IBI da AP-9

Marea de Vigo asegura que a AP-9 é a única vía que non paga o 95% do IBI “grazas ás bonificacións previstas nunha lei aprobada en 1972, en pleno franquismo, en materia de construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión”.

Trala última prórroga feita na época do goberno de Aznar, a concesión estendíase ata o máximo permitido, 75 anos, “consagrando deste xeito o que hoxe é unha realidade: a día de hoxe segue a gozar do mesmo nivel de redución no pago do IBI que a lexislación franquista lle estableceu no seu día”.

Por outra banda, e segundo se reflicte na moción que Marea de Vigo presentará ao Pleno do Concello, “un de cada dous euros que as galegas e os galegos pagamos nas peaxes desta autoestrada é beneficio antes de impostos, e un de cada tres euros é beneficio neto para a empresa concesionaria.”

Marea de Vigo considera esta situación insostible, e, na mesma liña, non comparte o criterio anunciado polo novo Ministerio de Fomento en canto á liberalización das peaxes soamente ás autoestradas cuxa concesión remata entre este ano e 2021, senón que “considera que deben ser incluídas outras como a AP-9, cuxas inversións están absolutamente amortizadas, aínda que a súa concesión remate despois do 2021 e considera que o anuncio do Ministerio sobre auditar os custes e as licitacións das autoestradas rescatadas polo Estado, debería aplicarse tamén á AP-9”.

También te puede interesar