Comarcas Vigo al minuto

O vindeiro luns ábrese o prazo para que os afectados pola explosión de Paramos pidan as axudas con cargo ao Fondo de Emerxencia

O vindeiro luns, 18 de xuño, abre o prazo para presentar a solicitude de axudas para os damnificados pola explosión de Paramos que vai conceder o Concello de Tui con cargo ao Fondo de Emerxencia. Este venres o Boletín Oficial da Pontevedra recolle a publicación dun extracto das bases reguladoras destas prestacións económicas.

Segundo o contemplado nas propias bases o seu obxectivo é establecer a concesión das axudas de emerxencia social municipais, as persoas afectadas pola explosión de Paramos e cuxos bens se definan como gravemente afectados polas peritaxes realizadas in situ. A finalidade destas axudas é dar unha resposta rápida e inmediata ás necesidades das persoas ou unidades familiares que se atopen nunha situación de carencia urxente, trala explosión de Paramos, para que poidan evolucionar cara á súa autonomía e integración social.

En concreto contémplanse achegas de ata un máximo de 3.200€ para a mellora da habitabilidade da vivenda habitual por destrución ou danos no enxoval domésticos de primeira necesidade afectado pola explosión; 2.000€ para necesidades básicas de alimentos, vestiario e calzado, gastos sanitarios ou sociosanitarios e 3.000€ para a adquisición ou aluguer de vehículos ou gastos de desprazamento en transporte público.

Nos criterios de valoración terase en conta os ingresos netos da unidade familiar. Cando os ingresos anuais netos non superen o Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM)  incrementado nun 100% para unidades familiares dun ou dous membros, no 140% para unidades de 3 ou 4 membros, no 180% para unidade familiares de máis de 4 membros, concederase até o 100% das axudas establecidas. Mentres as unidades familiares que superen en dúas veces e media esas cantidades non terán dereito a subvención.

As solicitudes xunto coa documentación esixida presentarase no Rexistro municipal dende o próximo luns, 18 de xuño, e ata o 30 de novembro, cando pecha o prazo.

You may also like