Comarcas

@depo_es e Concello de Salceda asinan un convenio para mellorar a rúa da Gándara

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, o deputado Uxío Benítez, e o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, fixeron hoxe oficial o acordo para mellorar parte do treito urbano da estrada provincial EP-2505 coa sinatura dun convenio de colaboración. Este acordo permitirá remodelar 350 metros da rúa cun orzamento de preto de 680.000€, dos que a institución provincial aportará o 70% e o Concello o 30%.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a actuación abranguerá dende a estrada PO-407 ata pasada a ponte baixo a PO-510. No inicio, á altura do bar Clarín, construirase unha nova glorieta de ordenación do tráfico, para despois urbanizar un treito da chamada rúa da Gándara -ata a altura do aparcamento disuasorio- cunha plataforma única de convivencia para tráfico rodado e peóns.

A principal novidade do deseño é que a estrada se integrará no parque da Gándara, eliminando a balaustrada e o muro actual, “creando unha sensación espacial moi positiva que se apreciará perfectamente cando estea rematada a obra, cun novo gran espazo recuperado para as persoas”, explicou o deputado.  O muro, cun importante desnivel, sí se manterá na zona da piscina para salvagardar a estabilidade do vaso de auga, pero eliminarase tamén na zona posterior ás escaleiras e á pista polideportiva para crear outro acceso peonil mediante unha rampa.

A partir do estacionamento disuasorio, segundo explicou Benítez, a estrada pasará a ter unha sección segregada para coches e peóns. Despois do túnel crearanse dous carrís de circulación e unha senda peonil de 2,5 metros de largo que conectará coa senda do río Landres dedicada a Francisco Estévez (pai do actor Martin Sheen) a través dunha nova ponte de madeira. “Tamén haberá elementos de calmado de tráfico (seis pasos de peóns sobreelevados) porque esta zona está situada ao lado de moitos equipamentos, o que fai moi necesario aumentar a seguranza viaria”, dixo o responsable de Mobilidade.

También te puede interesar