Vigo al minuto

Un dermatólogo da Área Sanitaria de Vigo, único especialista español na última revisión mundial sobre a psoríase

Un dermatólogo do Complexo  Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) é o único especialista español que participou na recente revisión, a nivel mundial, sobre tratamentos  sistémicos para a  psoríase.

O doutor José Ignacio García Doval é coautor do estudo, que se prolongou durante catro anos e no que participaron outros 11 expertos franceses, ingleses e italianos.

A revisión dos tratamentos enmárcase nos traballos da rede Cochrane, que é unha colaboración independente de profesionais da saúde, que pretenden  compendiar os estudos e publicacións sobre determinadas patoloxías, a fin de facer recomendacións e actualizar eses mesmos tratamentos.

“A revisión define os fármacos son máis eficaces e seguros para o tratamento  sistémico da  psoríase, unha vez que dispoñemos da mellor información que existe”, resume o doutor García Doval.

Os tratamentos  sistémicos afectan a todo o corpo e pódense tomar en forma oral ou en inxección. Tratan ao corpo desde o interior, a diferenza dos tratamentos tópicos ou a  fototerapia, que tratan ao corpo desde o exterior.

Os tratamentos sistémicos resérvanse habitualmente para pacientes con síntomas moi severos, para os que non responden os medicamentos tópicos convencionais ou a  fototerapia, e para as persoas que non poden utilizalos.

As revisións Cochrane resumen todos os estudos dispoñibles sobre un tema, xeralmente de tratamento. Para a súa realización, expertos internacionais seleccionan os artigos máis fiables e combinan os seus resultados xerando a mellor información dispoñible na actualidade sobre tratamentos.

También te puede interesar