Galicia

Os traballadores de Maderas Iglesias agardarán ata xuño por un plan de viabilidade da empresa

O comité de Maderas Iglesias amosouse “disposto a darlle unha marxe de confianza á dirección e agardará até o mes de xuño para que presente un plan de viabilidade”. Segundo indican dende a CIG, a proposta da compañía, que conta co apoio da Administración, foille trasladada este xoves á representación do cadro de persoal durante a xuntanza celebrada na sede do Igape en Santiago.

A dirección de Maderas Iglesias trasladou durante a reunión que precisa até o mes de xuño, data na que remata o ERE, para elaborar un plan de viabilidade que garanta a continuidade da empresa.

A proposta, que conta co beneplácito da Xunta, “foi aceptada polo comité sempre e cando a compañía manteña o pago de salarios ao día” -xa liquidou as débedas pendentes cos traballadores, a excepción da paga extra de decembro-, que o ERE sexa equitativo e que a empresa non aproveite para vender maquinaria ou para desmantelar as instalacións. “De feito, acordouse que antes de tomar calquera decisión nese senso deberá comunicarllo aos traballadores”.

Aínda así, dende o Comité indican que “fixouse un prazo de 15 días para comprobar se a compañía ten vontade de cumprir a proposta e para abordar coa Administración o cumprimento das condicións do ERE”.

También te puede interesar