Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Neurólogos do Cunqueiro e persoal do 061 incrementan a coordinación para actuar na atención inmediata fronte a un ictus

O director de Procesos Asistencias , Julio García Comesaña, acompañado polos responsables da Unidade de Ictus do hospital e personal do 061

O Hospital Álvaro Cunqueiro acolleu este luns unha sesión na que os neurólogos do hospital expuxeron aos profesionais do 061 as principais claves da  atención prehospitalaria ao Ictus, a  súa identificación e preaviso ao neurólogo.

Segundo explica o doutor Sánchez Herrero, un dos neurólogos coordinadores da Unidade de Ictus xunto co doutor José Luís Maciñeiras “o obxecto desta xuntanza é compartir coñecementos e repasar protocolos e estratexias de actuación para incrementar a coordinación co persoal do 061, para seguir mellorando aínda máis os tempos de resposta que damos a estes pacientes, xa que o Ictus require dunha intervención inmediata para realizar o diagnóstico e o tratamento, porque canto máis tempo dure a interrupción do fluxo sanguíneo cara o cerebro, maior é o dano”-.

Hoxe en día, os profesionais do Complexo Hospitalario Univeritario de Vigo conseguiron un tempo de resposta para administrar o tratamento fibrinolítico aos pacientes con ICTUS de 53.6  minutos, cifra que mellora o tempo recomendado polas sociedades científicas establecido en 60 minutos.

A Unidade de Ictus atendeu a 1.399 pacientes

A ferramenta máis importante para o tratamento da enfermidade é a Unidade de Ictus. Precisamente, a do Hospital Álvaro Cunqueiro ven de cumprir dous anos de existencia, durante os que ingresaron 1.399 pacientes.

A Unidade conta con seis camas con monitorización permanente. Somentes no pasado ano 2017 ingresaron 743 pacientes  -412  homes e 331 mulleres- , un 13% máis que no ano anterior, que contabilizáronse 656.

Un dos elementos fundamentais para que os tratamentos do Ictus dean bos resultados é a rapidez no diagnóstico. De feito, desde a posta en marcha da Unidade hai un neurólogo de garda no hospital, que se encarga de realizar o diagnóstico inicial do paciente con sospeita de padecer a enfermidade.

O ictus ou accidente cerebrovascular é unha enfermidade producida por un trastorno brusco da circulación cerebral que altera o funcionamento dunha ou varias áreas do cerebro. A interrupción do fluxo sanguíneo provoca unha diminución da achega continua de osíxeno e nutrientes que precisan as neuronas para poder desenvolver as súas funcións. En Galicia prodúcense ao redor de 7.000 novos casos cada ano, segundo datos da Sociedade Española de Neuroloxía.

Existen fundamentalmente dous tipos de ictus: o isquémico é o máis frecuente e prodúcese pola obstrución ou taponamento dun vaso, que impide que o sangue chegue a unha ou varias áreas do cerebro e que pode ser transitorio. Se esta situación mantense no tempo, pode quedar unha lesión permanente na rexión afectada. O segundo tipo é o hemorráxico, aínda que é menos frecuente. Orixínase como consecuencia da ruptura dun vaso dentro do cerebro ou nas súas envolturas e causa unha hemorraxia cerebral.

Esta patoloxía é o resultado da confluencia dun determinado estilo de vida e de circunstancias persoais. Os factores de risco máis importantes son a idade (máis frecuente en maiores de 60 anos); os antecedentes persoais ou familiares de enfermidades cardiovasculares; a hipertensión arterial; as dislipemias (colesterol e outros lípidos aumentados); a diabetes mellitus; o consumo de tabaco, alcohol e drogas; e a vida sedentaria

También te puede interesar