Vigo al día

@MareaVigo pide que se poña xa en funcionamento o dispostivo de frío para protexer ás persoas que teñen que durmir na rúa

Marga L. Barreiro, concelleira da Marea de Vigo lembra que “xa antes do verán a Marea de Vigo alertaba de que era preciso afrontar esta realidade dende os Servizos Sociais do Concello,mais nada se fixo e o problema aínda agravouse tanto polo peche das alternativas ao albergue municipal como pola vaga de frío que estamos a vivir nestes días”.

A concelleira subliña que a realidade é que na nosa cidade non deixa de incrementarse a pobreza e a exclusión social se, por exemplo tómase como indicador o feito de que Vigo segue sendo a cidade galega onde hai maior aumento de solicitudes da Renda de Inserción Social de Galicia (RISGA).

Cando nestes días a xente queda fóra do albergue por falla de prazas, pola limitación horaria ou polo tope máximo de días que se pode estar no edificio, a realidade da exclusión social e os riscos de pasar a noite na rúa aumentan exponencialmente.

Alén disto, o problema para as persoas que se ven nesta situación agrávase pola falta de alternativas. Co albergue “Dignidad” saturado e o xa desmantelado albergue dos “Hermanos Misioneros de Teis”, “o Concello non pode seguir mirando para outro lado, tal e como facía ata o de agora cando aconsellábaselles ás persoas usuarias que acudiran ás alternativas mencionadas”.

“É preciso e sen máis demora poñer a vontade e as ferramentas para afrontar esta realidade. Debería estar xa funcionando un dispositivo nestes días de frío, onde os corpos municipais xunto a Protección Civil e ás asociacións que traballan día a día na rúa levaran a cabo as accións necesarias para evitar situacións como as que se teñen dado, por exemplo, no ano pasado, cando por mor do frío moitas persoas víronse na necesidade de empregar edificios abandonados sen condicións de habitabilidade cos riscos que elo leva consigo, como foron os incendios producidos a raíz de fogueiras para poder quentarse” explica Marga L. Barreiro, engadindo que “nestes días todas as cidades do pais están habilitando dispositivos de emerxencia para afrontar a vaga de frío, e o Concello tamén debe facelo. Son precisamente este tipo de actuacións as que diferencian os tipos de gobernos municipais, e as que fan que as cidades sexan ou non socialmente integradoras”

También te puede interesar