Ciencia y Tecnología

@Xunta convoca 75 prazas para catro intercambios xuvenís en Italia, Xeorxia e Xapón

A Xunta de Galicia convoca 75 prazas para catro intercambios xuvenís en Italia, Xeorxia e Xapón ao abeiro das relacións bilaterais que mantén con distintas entidades noutros países co fin de potenciar entre a mocidade a adquisición de experiencias, habilidades e competencias.

Esta iniciativa, enmarcada no programa de educación non formal ‘A xuventude no mundo’, está aberta a mozos e mozas residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos.

O intercambio cubre o aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple, o transporte no ámbito do intercambio e as actividades organizadas pola entidade de acollida. Pola súa banda, o participante farase cargo dos gastos de desprazamento ata o lugar de aloxamento, así como do seguro de viaxe, accidente e enfermidade. 

As persoas interesadas poderán inscribirse mediante o envío do formulario electrónico que atoparán no portal web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

O prazo de inscrición remata o 6 de febreiro e as prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. Admítese a inscrición nos catro intercambios, sendo necesario que a persoa interesada indique a orde de preferencia de participación. A admisión nun intercambio exclúe a participación nos outros solicitados.

También te puede interesar