RGPD - Cookies
Comarcas Vigo al día

@depo_es aproba as bases para conceder préstamos sen xuros a concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases para a concesión de préstamos sen xuros por un total de 1 millón de euros, dirixidos aos concellos de menos de 50.000 habitantes que o soliciten. 

O obxectivo destes préstamos, que o ano 2016 recibiron Catoira, Fornelos, Arbo, A Lama, Poio e Ponteareas e en 2017 Fornelos, Silleda, Catoira, Poio, Pazos de Borbén, A Cañiza, Salceda, Cuntis e Vilanova de Arousa, é facilitar aos concellos unha fonte de financiamento co que poder afrontar a execución de investimentos incluídos en plans provinciais ou municipais ou en programas de investimentos con outras administracións e, excepcionalmente, con destino ao financiamento de operacións de tesourería para facer fronte a desfases transitorios ou necesidades urxentes.

A presidenta da Deputación subliñou que os préstamos que vén de aprobar o goberno da Deputación, por valor dun millón de euros, non teñen xuros, nin comisións, nin gastos doutro tipo. Ao respecto, Carmela Silva lembrou que “o anterior goberno concedía préstamos e anticipos con intereses situados no 2%, algo que nós decidimos suprimir co fin de contribuír a facilitar e mellorar a situación que están a vivir os concellos da nosa provincia”.

Os concellos de menos de 50.000 habitantes interesados en solicitar estes préstamos deberán presentar a súa solicitude nun prazo de 20 días hábiles contados a partir da publicación do extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).

En xeral, poderán solicitar estas achegas os concellos que teñan aprobado o orzamento para o exercicio corrente ou, no caso de prórroga, cumprir co previsto na lexislación. Amais, tamén deberán cumprir co previsto na lexislación relativo á concertación de operacións de crédito e non ter pendentes de pagamento cotas de amortización de préstamos contraídos coa Deputación.

También te puede interesar